13 feb 2025

A Xunta de Galicia arrinca o seu programa musical para 2025 con Franz Ferdinand na Coruña no marco do Gozo Festival

Os Concertos do Xacobeo, impulsados por Turismo de Galicia, botan a andar un ano máis para ofrecer ao público unha oportunidade única para gozar dunha banda mítica en formato reducido. O 15 de febreiro, ás 21,00h, Franz Ferdinand aterra en Galicia da man do Gozo Festival. Os de Glasgow presentarán na Sala Pelícano da Coruña os temas do seu novo disco The Human Bear no marco dunha xira internacional que conta con tres únicas paradas en España: esta na cidade herculina e as de Madrid e Barcelona. Será a primeira vez que se poderá ver á formación en Galicia en formato sala. As entradas esgotáronse en apenas horas na súa saída a venda o pasado mes de setembro.

Este concerto de Franz Ferdinand no Gozo Festival é a primeira parada do ano dos Concertos do Xacobeo, impulsados por Turismo de Galicia, que neste 2025 regresan cun programa amplo e plural repartido por toda a Comunidade, apoiando os principais eventos musicais e que, ano tras ano, aposta por situar a Galicia como un dos destinos referentes para os públicos coas preferencias culturais máis esixentes e diversas.    

Franz Ferdinand conta con millóns de discos vendidos polo mundo enteiro; discos que soan sempre a Best Of; cinco álbums atemporais repletos de cancións que che fan sentir vivo e que non só acompañaron a toda unha xeración, senón que tamén se transmiten de nai a fillo e de pai a filla.

Alto impacto turístico

Neste 2025, regresan os Concertos do Xacobeo. Rock, pop, heavy, electrónica, jazz, funk, fusión e unha ampla gama de estilos musicais para todos os gustos encherán de sons e sensacións Galicia ao longo de todo o ano, da man de citas de referencia do calendario musical como O Son do Camiño, o Gozo Festival, o Resurrection Fest, Portamérica e numerosos eventos singulares que dotan de identidade ao destino. Máis dun centenar de figuras imprescindibles da música actual galega, nacional e internacional non faltarán á súa cita cos Concertos do Xacobeo neste 2025.

Festivais consolidados e emerxentes, de grande e pequeno formato, gratuítos ou de pago con alto impacto turístico xunto a concertos de alto voltaxe e xiras únicas, forman parte dos Concertos do Xacobeo.

Gozo Festival

A nova edición do Gozo Festival 2025 –cita que apoia a Xunta de Galicia na súa estratexia por posicionar a comunidade como destino turístico de grandes eventos musicais– dará o seu pistoletazo de saída este sábado, 15 de febreiro, co concerto do grupo Franz Ferdinand. Xa no mes de marzo, o domingo 16, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o directo dunha das grandes voces femininas a novel internacional, a estadounidense Anastacia, mentres que o xoves 10 de abril o lendario Lenny Kravitz actuará no Coliseum da Coruña.

No mesmo recinto terán lugar outros dous grandes concertos no mes de xullo, con Alanis Morissette (o mércores 9) e Lionel Richie (o xoves 31). Pola súa banda, o Monte do Gozo de Santiago de Compostela vivirá unha nova edición da mellor música electrónica co BBF, que o domingo 6 de xullo estará encabezado polo gran dj David Guetta. Trátase dunha programación aberta que se vai enriquecendo co peche de novas citas proximamente.

A Xunta de Galicia continúa así dinamizando a oferta turística das cidades galegas durante todo o ano co apoio a grandes concertos e festivais como este Gozo Festival, que naceu en 2022 co patrocinio do Gobierno galego. Na pasada edición da cita, en 2024, máis de 75.000 persoas asistiron aos concertos de estrelas mundiais como Ed Sheeran, Maná, Bomba Estéreo, Queens of the Stone Age ou The Warning, entre outros, cun público procedente de máis de 20 países, como México, Finlandia, Brasil ou Xapón.

Arriba