A Xunta lanza a nova convocatoria de axudas turísticas de 2M€ para concellos do rural galego
O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria das subvencións a concellos de ata 10.000 habitantes impulsada por Turismo de Galicia cun orzamento de 2M€. O obxecto das axudas consiste na mellora das infraestruturas turísticas; en concreto, fomentarase a recuperación, a accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos, entre outras accións. Con isto, búscase reforzar a oferta turística nas zonas rurais mediante a protección e consolidación da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.
O prazo de solicitude ábrese o venres 21 de febreiro ás 12,00 horas e conclúe o día 28 de marzo. Cada concello pode financiar como moito un investimento de ata 30.000€, que se poderá cubrir ao 100% do orzamento. Na concesión terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, ata o esgotamento do orzamento máximo previsto. O pasado ano, cerca de 70 concellos puideron realizar actuacións de mellora dos seus recursos turísticos ao abeiro destas axudas.
Con estas axudas, a Axencia de Turismo de Galicia quere promover distintos tipos de actuacións. Entre elas inclúese o embelecemento dos propios recursos turísticos, así como do seu acceso, e dos bens declarados de interese cultural. Para isto financiaranse, entre outras, accións como a mellora de vías ou de iluminación ornamental; o traballo nos miradoiros paisaxísticos ou rutas de sendeirismo; o ocultamento de colectores de residuos; e a adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos para limitar o seu impacto negativo, entre outros.
Prazo ata o 28 de marzo
Outras das actuacións que se verán favorecidas por estas subvencións son as destinadas á posta en valor turística dos recursos, como a rehabilitación ou restauración de aloxamento para este tipo de usos ou a recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional. Entran tamén as accións de accesibilidade, como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou as que faciliten o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información. Por último, poden ser obxecto de subvención aquelas tarefas centradas na sinalización dos recursos turísticos.
A convocatoria esixe que todas as obras que se realicen empreguen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna.