25 feb 2025

Galicia medra en xaneiro por riba da media española en número viaxeiros aloxados en hoteis e pensións

O Instituto Nacional de Estatística (INE), fixo públicos os primeiros datos turísticos de 2025 referidos aos hoteis e pensións durante xaneiro. Neste mes, un total de 179.837 viaxeiros aloxáronse nos establecementos hoteleiros e fixeron 317.129 noites, uns niveis superiores aos do ano pasado, rexistrando uns incrementos do 3,3% en viaxeiros e do 1,7% en noites.

O bo comportamento ten que ver co incremento, neste mes, do turismo de ámbito nacional, que medrou un 5% o interno (residentes en Galicia) e un 3% o que procede do resto de Estado.

Neste contexto, o sector hoteleiro foi quen de manter un nivel de ingresos semellante ao do pasado ano superando os 12M€ e manténdose por segundo ano consecutivo por riba deste limiar. Supérase de novo os valores previos á pandemia, cando se facturaban 11,7 millóns de euros no segmento hoteleiro da comunidade en xaneiro de 2020 e 10,6M€ en xaneiro de 2019.

En canto ao perfil dos viaxeiros en xaneiro, o 80% das noites hoteleiras corresponderon ao turismo de ámbito nacional, segmento no que tivo un maior peso os españois que proceden doutras comunidades autónomas, xa que representan o 45% do total. Así pois, case unha de cada dúas noites nos hoteis e pensións de Galicia corresponderon aos españois que veñen de fóra da comunidade.

O mercado interno, dos residentes en Galicia, absorbe o 33% mentres que o 21% restante corresponde ao turismo internacional. O mercado nacional consolida con estes datos tres anos consecutivos de crecemento da demanda hoteleira no mes de xaneiro, que permiten superar as 252.000 noites na comunidade.

Arriba