25 feb 2025

A Xunta inviste preto de 24.000 euros na mellora das infraestruturas do Mosteiro de Aciveiro, en Forcarei

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o Mosteiro de Aciveiro, no concello de Forcarei, con motivo das actuacións realizadas ao abeiro das subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración que ofrece a Xunta a través de Turismo de Galicia.

Así, os xerentes do espazo puideron realizar distintas actuacións de mellora do mosteiro grazas a unha achega de preto de 24.000 euros, co que a Xunta cubriu o 50 % do orzamento das obras. Entre elas,  esta subvención permitiu substituír o illamento das xanelas exteriores; renovar unha parte do teito dunha das terrazas; instalar unha varanda protectora; mellorar o sistema de videovixilancia e de conexión wifi e actuar na conservación e illamento dos espazos máis utilizados polos visitantes.

Cabe destacar que na provincia de Pontevedra beneficiáronse destas axudas máis de 55 establecementos por valor de preto de 1,5 millóns de euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor “o excelente traballo que levan a cabo os empresarios do sector turístico galego, que se converteu en sinónimo de calidade e excelencia, precisamente polo empeño e esforzo dos traballadores e traballadoras do sector”. Ademais Reguera destacou a importancia de seguir “mantendo e conservando infraestruturas tan cheas de historia como o Mosteiro de Aciveiro, que é un exemplo de bo uso do noso patrimonio”.

Xa está aberta unha nova convocatoria desta liña de axudas que como novidade, este ano conta con 1M€ máis de orzamento, co que o sector contará con 4,5M€ en toda Galicia para estas actuacións. As empresas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o 11 de marzo.

Arriba