26 feb 2025

O CSHG abre o prazo de solicitude das bolsas para persoas galegas residentes no estranxeiro

Por segundo ano consecutivo, o Centro Superior de Hostalería de Galicia abre a convocatoria de bolsas para persoas galegas residentes no exterior, a través das cales pretende facilitar a realización de estudos no CSHG. Trátanse en total de 22 bolsas, que axudarán a cubrir gran parte da matrícula e dos gastos derivados da viaxe a Santiago de Compostela e da estancia na localidade.

A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia do xoves, 27 de febreiro. As persoas interesadas teñen ata o 21 de abril de 2025 para presentar as súas solicitudes.

Este ano, a convocatoria presenta varias novidades. Aumenta en sete o número de bolsas para o Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelería ante a boa acollida na pasada edición. Así, pasan a ser 12 fronte ás cinco do curso 2024-25, que quedaran totalmente cubertas. O número de axudas destinadas ao Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras mantense en 10.

As bolsas facilitan unha achega do 80% do prezo da matrícula e o total do aloxamento en habitación compartida. Inclúen tamén unha axuda para sufragar a viaxe desde o país de residencia do alumnado por unha contía máxima de 500€, se procede dun pais de Europa, ou de 1.000€ para aquelas persoas con procedencia doutras rexións do mundo.

Para poder optar a elas, as persoas solicitantes deben ter entre 18 e 30 anos, estar en posesión da nacionalidade española e levar polo menos dous anos residindo fóra de España. A vinculación con Galicia poderá acreditarse ben por nacemento, por residencia previa na comunidade de canda menos 10 anos continuados ou por ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida na comunidade. Deberase tamén ter solicitada a pre-admisión no curso 2025/26 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG.

Ademais disto, as persoas que opten ao grao en Xestión deberán estar en posesión do titulo de bacharelato. Para o curso de Chef será necesario acreditar seis meses de experiencia laboral en hostalería ou ter realizado estudos en cociña de nivel básico ou medio.

Outra das novidades da convocatoria reside na data de realización do curso. En 2025-26, o Inicio será o 25 setembro e desenvolverase ata maio.

Arriba