A Xunta inviste case un millón de euros na mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración do Salnés
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o Restaurante Beiramar, no concello do Grove, con motivo das actuacións realizadas ao abeiro das subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración que ofrece a Xunta a través de Turismo de Galicia.
Os xerentes do espazo renovaron o ventanal exterior do comedor e o solo das escaleiras de acceso ao mesmo; reformaron varios pasamans; colocaron unha xardineira na zona exterior; e instalaron unha porta automática acristalada grazas a unha achega de máis de 16.000 euros, co que a Xunta cubriu o 50 % do orzamento das obras.
Cabe destacar que na provincia de Pontevedra beneficiáronse destas axudas máis de 55 aloxamentos e unha decena de locais de restauración por valor de máis de 1,6 millóns de euros, dos cales preto dun millón corresponden a empresas da comarca do Salnés.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que “a Xunta segue apostando por un sector turístico que é sinónimo de calidade e excelencia” e destacou as “múltiples campañas e iniciativas que se están a levar a cabo para conseguir un turismo descentralizado e desestacionalizado que nos permita seguir acollendo aos visitantes que queiran coñecernos, sen desatender o coidado do noso patrimonio e da nosa contorna”.
Xa está aberta unha nova convocatoria desta liña de axudas que como novidade, este ano conta con 1M€ máis de orzamento, co que o sector contará con 4,5M€ en toda Galicia para estas actuacións. As empresas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o 11 de marzo.