06 mar 2025

A Xunta asume a xestión do primeiro albergue público da rede do Xacobeo na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla

Turismo de Galicia traballa para poñer a punto o inmoble cedido polo Concello de Vilagarcía de Arousa á Administración autonómica para que comece a funcionar durante o verán como albergue público de peregrinos. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, no acto de sinatura de cesión do inmoble por parte do Concello, representado polo seu alcalde, Alberto Varela.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia salientou que se trata “do primeiro albergue da rede pública do Xacobeo na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla”.  Deste xeito, serán 78 centros nas diferentes rutas e 30 novas prazas que se sumarán ás 3.323 existentes na actualidade no conxunto de albergues autonómicos.

“A nova infraestrutura xacobea -engadiu Xosé Merelles- súmase á aposta do Goberno galego por revitalizar a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla que xunto co centro de recepción de peregrinos suporá un impulso importante á tradición xacobea de Ría de Arousa”.

Segundo explicou Xosé Merelles, a cesión por parte do Concello faise libre de cargas e gravames por un período de 30 anos e a edificación existente ten a súa orixe nun proxecto de ampliación do Centro Sociocultural de Carril elaborado polo arquitecto Carlos Berride Ferreira no ano 2006.

Posteriormente, o Concello decidiu convertelo nun albergue de peregrinos. Así, o edificio actual inclúe a recepción de peregrinos para o que se construíra a cabina de alberguero, unha zona de lavandería e un acceso restrinxido a un local de instalacións.

O albergue tamén ten unha cociña-comedor accesible e cinco dormitorios que se distribúen no primeiro andar e no baixocuberta. Ademais, dispón dun cuarto para persoas con mobilidade reducida.

A Xunta asumirá a xestión do albergue, incluíndo a instalación do mobiliario, a contratación do persoal e a administración diaria do centro. Turismo de Galicia investirá nestes apartados un total de 50.000 euros.

Arriba