Xosé Merelles destaca o incremento do 5% en viaxeiros aloxados nos 171 campings galegos durante 2024
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou no acto de inauguración da I Gala de Cámpings de Galicia, un encontro que se celebra en Santiago de Compostela ao longo do día de hoxe e este venres. Durante a súa intervención, Xosé Merelles lembrou as cifras de ocupación turística de 2024 en Galicia, que reflicten un crecemento do 5% nas persoas aloxadas nos 171 cámpings galegos, ata un total de 377.950, que fixeron máis de 1,2 millóns de noites.
A I Gala de Cámpings de Galicia, organizada pola Asociación de Cámpings de Galicia, quere concentrar a axentes do sector nunha serie de encontros e charlas a través dos que favorecer unha contorna de intercambio de propostas e de creación de negocio. Entre os temas dos que se falará no evento están a intelixencia artificial aplicada a este modelo de aloxamento, a súa relación coas enerxías renovables ou o relevo xeracional.
Neste sentido, Xosé Merelles valorou como as conferencias “apuntan xa non a unha continuidade, senón a unha renovación do negocio que, ademais, fai que chegue a un público máis amplo, da man de propostas máis sofisticadas, completas e personalizadas”.
O director de Turismo de Galicia destacou ademais que “a comunión que se establece entre a natureza e a persoa que opta por esta modalidade resulta dificilmente acadable desde outras variantes de turismo”.
A Gala continuará cunha segunda xornada durante o venres 14, no que as persoas participantes poderán facer un percorrido pola cidade de Santiago.