Galicia participará na exposición universal de Osaka amosando o seu potencial turístico, cultural e gastronómico
Galicia terá presencia na Exposición Universal de Osaka, que se celebrará entre o 13 de abril e o 13 de outubro de 2025. Un total de 184 días nos que o evento, organizado polo organismo internacional Bureau International des Expositions, tratará de reunir o maior número posible de nacións do mundo para debater sobre os problemas e retos de actualidade.
En concreto, Turismo de Galicia levará á comunidade a Expo de Osaka durante unha semana. Do martes 16 de setembro ata o domingo 21, unha delegación representante da cultura musical e da gastronomía da comunidade estará no pavillón de España. Durante cada unha das xornadas, realizaranse varios concertos no escenario Plaza del Sol e haberá propostas gastronómicas propias de Galicia na cafetería-restaurante das instalacións españolas.
Precisamente, para xestionar esta presenza de Galicia na Expo Universal de Osaka, Turismo de Galicia publicou hoxe na plataforma de contratación a licitación a través da que se contratarán os servizos de desprazamento, aloxamento, traslados, manutención e seguros das persoas que irán nesa delegación.
Nesta ocasión, a Exposición Internacional xirará arredor da innovación e o porvir sostible, ampliando o enfoque á renomeada cultura e hospitalidade de Xapón para deseñar unha sociedade futura. A participación española estruturarase arredor do Pavillón de España, unhas instalacións deseñadas baixo as claves de Océano e Sol coas que se quere aludir á condición de península do país, tan imbricada na identidade nacional.
Mercado xaponés
A presenza da delegación galega na Expo de Osaka quere tamén incentivar a difusión da oferta turística de Galicia entre a poboación de Xapón, ao presentar valores tan representativos da comunidade coma a cultura musical e a gastronomía. O mercado xaponés resulta un activo de especial interese dentro da estratexia de internacionalización turística da rexión, cunha tendencia á alza nos últimos tempos.
Con algo máis de 10.814 viaxeiros que fixeron 16.521 noites en 2024, estas cifras superan levemente os valores do anterior 2023, arredor dun 5%. O volume total de gasto do mercado xaponés situábase por riba dos 3,1 millóns de euros en 2023, co que se supera amplamente o total computado no ano anterior, próximo aos 1,3 millóns de euros.
No que se refire ao Camiño de Santiago, en 2024 rexistráronse 1.473 compostelas de peregrinos procedentes de Xapón, cifra que supera nun 8,4% o dato do anterior 2023. Xapón sitúase en cuarto lugar no ranking de países asiáticos, por detrás de Corea, Taiwán e China. Maio-xuño e setembro-outubro son os meses de maior afluencia de peregrinos de Xapón.