Turismo de Galicia apoia o CB Breogán como parte da promoción turística da cidade de Lugo na que se inviste anualmente máis de 1 M€
Turismo de Galicia vén de formalizar o patrocinio anual co Club Baloncesto Breogán. O acto de sinatura tivo lugar entre o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, a presidenta do club lucense, Carmen Lence, no Pazo Provincial dos Deportes e supón unha achega institucional de 242.000 euros que respalda un club histórico do baloncesto galego como é o CB Breogán. Ademais, esta actuación contribúe a promocionar o turismo deportivo como elemento desestacionalizador do destino. Ao acto tamén asistiu o delgado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou “a aposta pola promoción turística do concello de Lugo que se fai desde a Xunta”, que se ratifica con esta colaboración no ámbito deportivo pero que tamén ten continuidade noutros como o dos eventos e festivais, o impulso do Camiño Primitivo e o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística no ámbito da enogastronomía que enriquecen a proposta turística deste municipio. O director de Turismo de Galicia, salientou que “o seu departamento investiu máis de 1M€ nestas actuacións o pasado ano 2024”.
Referíndose ao patrocinio do equipo de baloncesto, o director de Turismo de Galicia salientou que se mira máis aló da propia difusión da marca en escenarios deportivos. Esta aposta permite avanzar nas liñas mestras que poñen o foco na desestacionalización do turismo fóra dos meses de tempada alta. No caso das competicións deportivas, o calendario desenvólvese habitualmente entre os meses de setembro a maio-xuño, o que permite apelar a un público que se move en épocas de menor densidade turística.
Xosé Merelles destacou que “a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 establece a desestacionalización da oferta como unha das súas oito misións principais”. A este obxectivo destina unha medida concreta, que pon o foco nos eventos e accións desestacionalizadoras.
O turismo deportivo constitúe un interesante vector económico dentro do sector. Segundo os datos da Enquisa de Turismo de Residentes do Instituto Nacional de Estatística, o turismo deportivo ten un peso do 1,4% sobre o total, con 108.623 persoas que en 2023 dixeron visitar Galicia por este motivo. Resulta especialmente interesante o gasto medio por día deste tipo de turista, que alcanza os 125,6 euros. Constitúe, por tanto, a modalidade de maior gasto.
O CB Breogán foi fundado no ano 1966, unha iniciativa coa que os seus promotores, os irmáns Varela Portas e Pardo, quixeron canalizar a afección que había polo deporte na cidade de Lugo. Ao longo das case seis décadas da súa historia, o equipo gañou tres veces a Copa Princesa, unha delas cando aínda era a Copa Príncipe, e chegou a competir en dúas tempadas nos circuítos europeos. No ranking de clubes da ACB está situado na 14 posición, co que se sitúa como o primeiro de Galicia nesta clasificación.