25 mar 2025

A Xunta licita as obras de rehabilitación das Torres de Oeste de Catoira por máis de 420.000 €

Turismo de Galicia vén publicar na Plataforma de Contratación do Goberno galego a licitación das obras de mantemento e rehabilitación do conxunto monumental Torres de Oeste no Concello de Catoira. Esta é unha acción enmarcada no Plan Xacobeo NextGeneration posto en marcha por Turismo de Galicia con fondos europeos para a rehabilitación e mellora de Bens de Interese Cultural de titularidade pública vencellados ao Camiño de Santiago.  As empresas terán ata o 15 de abril para presentar as súas propostas e o importe da licitación ascende a 420.450,80 euros.

A actuación licitada inclúe o retellado da cuberta da igrexa, restauración da imaxe do Apóstolo Santiago, colocación de novas portas, mellora do badalado da campá e colocación dun panel informativo exterior. Tamén se instalará unha nova caseta informativa, procederase á desmontaxe de pórticos da pérgola e recolocación de columnas como borde lateral de camiños e acondicionamento do paseo. Ademais, mellorase a iluminación exterior existente e realizarase o mantemento das zonas axardinadas.

Plan Xacobeo Next Generation

Esta acción enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia está a acometer  cos fondos europeos que foron asignados á Comunidade galega dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. En concreto, forma parte do Plan Xacobeo NextGeneration, que inclúe a posta en marcha de distintas liñas de axuda, a sinalización da rede cicloturística Eurovelo ou a rehabilitación de varios BIC do Camiño de Santiago.

Arriba