02 abr 2025

A Xunta presenta o programa dos concertos do Xacobeo 2025 con máis de 40 eventos e 500 bandas e artistas neste 2025

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, presentaron nas instalacións do Monte do Gozo, o programa ‘Concertos do Xacobeo’, que regresa un ano máis cun programa amplo e plural, que apoia os principais eventos musicais da comunidade na procura de “situar Galicia como punta de danza da música en vivo do noroeste peninsular ao longo de todo o ano”. En total serán máis de 40 eventos e 500 bandas e artistas imprescindibles da escena musical internacional, nacional e galega, que visitarán Galicia ao longo de todo o ano e “haberá máis sorpresas, en Vigo e, incluso, en Madrid", afirmou Xosé Merelles.

Entre as citas que aglutina está o Gozo Festival, o Morriña Festival, o novo Festival Jaleo!, O Son do Camiño, o PortAmérica e máis dunha vintena de eventos de gran pegada musical.

No que atinxe a figuras internacionais, nacionais e galegas que actuarán na comunidade, xa sexa en concertos individuais, ciclos ou festivais, están nomes como Alanis Morissette, Alcalá Norte, Amaral, Anastacia, Bad Gyal, Bryan Adams, Caamaño&Ameixeiras, Carolina Durante, Ca7riel & Paco Amoroso, Chayanne, David Guetta, Estopa, Franz Ferdinand, Guadi Galego, Herdeiros da Crus, Judas Priest, Kings of Leon, Korn, Lenny Kravitz, Lionel Richie, Maná, Melendi, Natalia Lafourcade, Nathy Peluso, Ozuna, Paloma San Basilio, Residente, Slipknot, The Rapants, Viva Suecia, Zahara e moitos máis.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles, subliñou que “o público poderá gozar de festivais de referencia que sitúan á nosa comunidade ao fronte do noroeste peninsular ao longo de todo o ano deste tipo de propostas musicais”. “Co regreso dos Concertos do Xacobeo neste 2025, a Xunta de Galicia consolida o seu apoio á música en vivo, e continúa a liña de traballo estratéxico de pasadas edicións do evento”, salientou.

A directora Xeral de Promoción da Igualdade destacou en que neste 2025 consolídase a colaboración con Turismo a través da instalación de áreas de igualdade, puntos lila e arco iris nos festivais que contan cunha maior afluencia de público. Neste sentido, fixo fincapé en que o ano pasado empregaron estes recursos de sensibilización e atención  a posibles vítimas máis de 15.000 persoas. María Quintiana destacou que a Xunta aposta pola sensibilización, a concienciación e aprendizaxe en clave de igualdade nos festivais, un dos lugares de maior concentración de mocidade.

A Xunta lidera o ráking de apoio a festivais

Neste aspecto, cabe destacar que, segundo o ‘Observatorio de marcas en festivales Oh, Holy Festivals! (edición 2023)’, editado por Mediabrands Content Studio coa colaboración de Ticketmaster, a Xunta de Galicia sitúanse á cabeza do ránking español dos acordos das institucións públicas cos festivais, por diante da Generalitat de Catalunya, a Comunitat Valenciana e o Goberno Vasco, entre outras.

 “O noso apoio estratéxico a eventos como O Son do Camiño, o Gozo Festival ou Jaleo!, que forman parte dos Concertos do Xacobeo xunto a moitos outros eventos destacados do noso territorio, contribúe a reforzar a imaxe de Galicia a nivel nacional e internacional, facendo da nosa comunidade un destino atractivo, único e de calidade de xeito desestacionalizado”, subliñou o director de Turismo Galicia, destacando que o Goberno galego destina máis de 10M€ a patrocinios musicais, aos que hai que engadir máis de 1,3M€ en festas de interese turístico que tamén inclúen actuacións e espectáculos musicais.

Xosé Merelles salientou ademais, que nos últimos 3 anos, Galicia contou coa visita de máis de 2,5 turistas que acudiron á chamada da música en directo de músicos e artistas de prestixio. Neste sentido, subliñou ademais que o gasto medio do turista vacacional rolda os 94 euros diarios, que supera a media diaria deste visitante que rolda os 80 euros.

Na primeira edición dos Concertos do Xacobeo, celebrada en 2021-2022, a Xunta de Galicia deu o seu apoio a más de 170 eventos patrocinados, que rexistraron máis dun millón de asistentes. Ao longo deste 2025, os Concertos do Xacobeo seguirán a sumar novos fitos que pouco a pouco seguirán a desvelarse, adiantou Xosé Merelles.

Desde hoxe mesmo, toda a programación dos Concertos do Xacobeo están dispoñible na web www.concertosdoxacobeo.gal e tamén nas redes sociais con perfís específicos en Facebook e Instagram.

Arriba