Rueda apunta a Ribadeo como referencia do turismo galego no 25º aniversario da súa designación como concello turístico
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou nos actos de conmemoración do 25º aniversario da declaración de Ribadeo como Concello Turístico e dos 20 anos da designación do seu centro histórico como Ben de Interese Cultural (BIC).
O xefe do Executivo galego destacou o papel clave de Ribadeo “como porta de entrada a Galicia e destino de referencia do noso turismo”, salientando a súa posición clave dentro da estratexia turística galega grazas ao seu potencial para atraer visitantes pola súa riqueza patrimonial, paisaxística e gastronómica: “Os principios e os finais nunca se esquecen. E que a xente que entra a Galicia leve esta primeira impresión magnífica é algo moi importante. Por iso hai que coidalo moito”, destacou. Así, cómpre subliñar que máis do 30% das visitas á Mariña Lucense en 2024 escolleron Ribadeo como lugar de pernocta.
Neste senso, o presidente puxo en valor a importancia do sector turístico para a comunidade, salientando que hoxe en día supón o 12% do PIB. No caso de Ribadeo e da Mariña Lucense, a Xunta leva a cabo varias estratexias para reforzar o papel turístico, como a súa inclusión no Plan Anual de Promoción Turística 2025, dotado con 13 millóns de euros, e a continuidade do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña Lucense, cun achega de 1 millón de euros. “Hai que ir marcando obxectivos realizables. O primeiro é desestacionalizar, e tamén hai que dar a coñecer Galicia. Hai moitos destinos para coñecer e que Galicia pode mostrar”, salientou o presidente.
O titular do Goberno autonómico tamén subliñou o papel fundamental do Camiño de Santiago na dinamización turística de Galicia, lembrando que, en 2024, máis de 22.000 peregrinos percorreron o Camiño do Norte, que inclúe Ribadeo no seu itinerario: “Temos un Ano Xacobeo en moi pouco tempo. O Camiño é un fenómeno imparable, e a primeira conexión que ten moitísima xente dos cinco continentes con Galicia, polo que sirve para que queden con máis ganas de coñecernos e para que poidamos seguir medrando”, apuntou Rueda.
O acto contou coa presenza dos alcaldes de 7 concellos tamén declarados municipio turístico, incluíndo Pobra de Trives, Leiro, Monterrei, Sanxenxo, Baiona e Mondariz-Balneario, aos que lles agradeceu o seu labor para conseguir que Galicia sexa un destino turístico tan importante: “Grazas a todos os concellos de Galicia que están traballando con nós para poder dicir que Galicia Calidade non é un slogan senón unha completa realidade”, concluíu o presidente.