03 abr 2025

O operador turístico alemán do grupo Dertour dá a coñecer o destino Galicia para traer en outono 1.200 turistas en oito voos charter

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu a un grupo de 16 axentes de viaxes do operador turístico do grupo Dertour que comezan este xoves unha viaxe de familiarización co fin de coñecer os recursos e atractivos do destino Galicia. Está enmarcada no plan de accións de promoción Turismo de Galicia que inclúe ata 130 iniciativas en 30 mercados nacionais e internacionais cun investimento de 13M€.

A axencia alamana ten previsto ofertar na súa carteira de propostas nos meses de setembro e outubro tres produtos turísticos ao redor do patrimonio cultural e a paisaxe, o turismo urbano e o Camiño de Santiago desde Sarria ata a capital de Galicia co fin de que fretar oitos voos que mobilizarán a uns 1.200 turistas alemáns.

O director de Turismo de Galicia salientou o interese amosado por este operador turístico alemán e engadiu que “todo o que van a visitar estes días dará boa conta da calidade, a variedade e singularidade da oferta turística de Galicia”. Xosé Merelles lembrou que o pasado ano Galicia recibiu a visita de 180.463 turistas alemáns que fixeron máis de 307.000 noites. Neste escenario, “Alemaña ocupa o terceiro lugar no ranking de principais mercados internacionais, por detrás de Portugal e EEUU”, destacou.

Xosé Merelles tamén salientou que “o 63% dos turistas alemáns visita Galicia por vacacións ou ocio” engadindo que ata setembro do pasado ano, “o gasto total do turismo alemán ascendeu a 58,9 millóns de euros”, cifra que supera nun 24% o dato do mesmo período de 2023. O gasto medio diario do turista alemán sitúase en 109,6 euros por persoa e día, un 12% máis que en 2023, asegurou.

Cidades, vilas, enoturismo e paisaxe

Os profesionais alemáns visitarán ata o vindeiro domingo cidades como Santiago de Compostela, A Coruña e vilas como Betanzos, Cambados, Combarro, A Toxa, O Grove, ademais de navegar pola Ría de Arousa, coñecer experiencias enoturísticas a través das adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, e visitar a Costa da Morte onde coñecerán o pasado dos múltiples naufraxios acontecidos, ademais de  Fisterra, Muxía e a fervenza do Ézaro, a única en Europa que desemboca directamente no mar.

Os axentes de viaxes alemáns veñen a coñecer os recursos turísticos que compoñen os tres paquetes que ofertarán no mercado alemán co fin de fretar oito voos que sairán no mes de setembro desde as cidades de Rostock, Erfurt e Lübeck e posteriormente, en outubro, desde Núremberg, Dresde, Hannóver, Bremen e Saarbrünken.

Arriba