A Xunta destina 2,36 M€ a proxectos de mellora viaria de distintos tramos do Camiño de Santiago que enriquecen a experiencia dos peregrinos
Turismo de Galicia publicou na plataforma de contratación tres licitacións enmarcadas no Plan de Seguridade Vial de Turismo de Galicia destinadas a mellorar a infraestrutura viaria de varios tramos dos Camiños de Fisterra-Muxía, de Inverno e do Mozárabe ou Vía da Prata. Súmanse ás oficializadas a pasada semana, que prevén actuacións no mesmo Mozárabe, así como no Camiño Francés. En total, son 2,36M€ para distintas inversións, pensadas para incrementar a seguridade dos distintos itinerarios e mellorar a experiencia dos peregrinos.
Case medio millón de euros destínanse ás tres licitacións publicadas este venres; en concreto, 475.374,35€. Destes, 125.764,47€ son para a redacción dos proxectos de trazado e construción dos treitos comúns no Camiño Fisterra-Muxía. Outra licitación semellante, pero no Camiño de Inverno, ten unha partida prevista de 117.405,85€, que irá para o proxecto de creación de sendas paralelas ás estradas que permitan afastar ao peregrino do tráfico rodado.
Das publicadas hoxe, a licitación de maior envergadura é a que aborda a redacción dos proxectos de trazado e construción dos treitos comúns no Camiño do Sudeste, tamén coñecido como Camiño Mozárabe ou Vía da Prata. Tamén aquí se desenvolverán vías paralelas ás estradas para así manter ás persoas que realicen itinerarios xacobeos lonxe do tráfico rodado. Ten un orzamento base de 232.204,03€.
Engádense a estas tres as dúas licitacións publicadas a pasada semana tamén na plataforma de contratación da Xunta, destinadas a realizar obras na infraestrutura viaria de varios tramos do Camiño Mozárabe ou Vía da Prata e do Camiño Francés, así como a incrementar a accesibilidade na rede de albergues deste último itinerario. En total, estas accións teñen previsto un gasto de 1,89M€.
O primeiro dos proxectos busca levar a cabo actuacións para optimizar infraestruturas nas devanditas Vía da Prata e Camiño Francés, por un valor total de 1,57M€. Dentro desta contratación realizaranse obras de mellora da seguridade viaria en cruces das rutas xacobeas coa rede de estradas autonómicas, municipais e provinciais, para así favorecer a seguridade viaria e mitigar posibles riscos. Ademais, traballarase no incremento da accesibilidade da rede de albergues do Camiño Francés.
A segunda das licitacións publicadas a pasada semana céntrase no Camiño Mozárabe ou Vía da Prata, onde se acometerán varias actuacións para acondicionar dous tramos do itinerario. Para estas intervencións cóntase cun orzamento de 319.606€, que está cofinanciado pola Unión Europea nun 60%, no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.
Estes proxectos súmanse aos aprobados polo Consello da Xunta o pasado 10 de marzo e publicados no Diario Oficial de Galicia do 25 de marzo. En concreto, tratarase de mellorar a seguridade viaria no Camiño Inglés ao seu paso por Abegondo e por A Sionlla, en Santiago de Compostela. Nos dous casos, proponse trazar un itinerario alternativo e seguro, que inclúe pasarelas peonís.