A Xunta trae á cidade da Coruña máis dunha decena de grandes concertos, festivais e outros espectáculos da man dos ‘Concertos do Xacobeo’
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou a programación de Concertos do Xacobeo na cidade da Coruña. Nun acto celebrado no Coliseum, Xosé Mérelles destacou que este ano “A Coruña acollerá máis dunha decena de eventos e de medio centenar de bandas e artistas imprescindibles da escena musical internacional, nacional e galega”. Concretamente, na cidade herculina, a Xunta apoia un total 13 grandes eventos, entre os que se atopan os concertos de Lenny Kravitz, Paloma San Basilio ou Coque Malla, entre moitos outros; festivais de renome como o Morriña, O Wake Up!, o Recorda Fest e os ciclos O Gozo Festival e Maresía, que sitúan á cidade herculina como punta de danza da música en vivo do noroeste peninsular ao longo de todo o ano.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que “os Concertos do Xacobeo achega á Coruña a unha oferta musical de primeiro nivel que fai única á localidade”. Entre os nomes que actuaron xa e os previstos para o que queda do ano están Franz Ferdinand, Lenny Kravitz, Alanis Morissette e Lionel Richie –todo eles, no marco de O Gozo Festival–, Dani Fernández, Ryan Adams –no marco do ciclo Maresía–, Paloma San Basilio, Chayanne, Coque Malla, Vanesa Martín ou grandes figuras programadas no Morriña Festival, como Nathy Peluso, Ozuna, Peso Pluma e Residente, e os artistas do Recorda Fest (con Álvaro de Luna, Leire Martínez ou Nena Daconte como cabezas de cartes) e o Wake Up! Festival.
As actuacións terán lugar no Coliseum da Coruña, no Porto da Coruña, no Palacio da Ópera ou o Parque de Bens, entre outros.
Máis de 2,5 espectadores
O director de Turismo de Galicia, subliñou ademais, que co regreso dos Concertos do Xacobeo neste 2025, “a Xunta de Galicia consolida o seu apoio á música en vivo, e continúa a liña de traballo estratéxico de pasadas edicións do evento, que sumaron desde 2021-2022 máis de 2,5 millóns de espectadores”.
Xosé Merelles destacou que “o programa de Concertos do Xacobeo é un motor económico, turístico e cultural para a cidade”. Ademais, Merelles apuntou: “A visita de figuras internacionais de renome á Coruña da man do Concertos do Xacobeo contribúe a reforzar a imaxe exterior da cidade. E non debemos esquecer que, os Concertos do Xacobeo apostan, tamén, polo talento galego, tan en auxe e demandado nos nosos días”.
Finalmente, fixo fincapé en que “este eventos programados na Coruña potencian os recursos turísticos locais e supoñen un importante impacto positivo, xerando emprego e gasto na cidade”.
O programa completo de Concertos do Xacobeo 2025 está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.