Xosé Merelles pon en valor a campaña turística do Concello de Marín para seguir xerando riqueza no territorio
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou o impulso que dará ao sector turístico da zona a campaña institucional do concello de Marín que leva por título ‘Marín, a de toda a vida’. Nun acto celebrado esta tarde, o director de Turismo de Galicia destacou a funcionalidade do spot publicitario para “seguir atraendo visitantes e xerando riqueza no territorio”. Neste sentido, apuntou que “a promoción é unha peza fundamental na industria turística á hora de xerar oportunidades de negocio e por suposto, riqueza no territorio”.
Xosé Merelles lembrou ademais que o pasado ano 2024, o xeodestino Terras de Pontevedra, que integra o Concello de Marín, rexistrou un incremento da demanda turística hoteleira do 4,9 % con respecto ao ano anterior.
“A promoción dun destino -dixo- está directamente relacionada co alcance e coñecemento do mesmo e ten correlación co número de visitantes que o elixen cada ano”. Así, destacou que desde Turismo de Galicia se está a facer unha aposta pola promoción do destino a nivel nacional e internacional a través dun plan de acción que inclúe 130 accións de promoción en 30 mercados dos dous ámbitos e cun investimento de 13 M€.
Referíndose á campaña promovida polo Concello de Marín, Xosé Merelles destacou que se inclúe no conxunto de actuacións financiadas no marco do plan de sostibilidade turística de destino (PSTD) do Concello de Marín, cofinanciada con fondos europeos NextGeneration no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia co apoio de Turismo de Galicia e que está dotado con 2 M€. Subliñou que se trata, en xeral, “dun instrumento de gran utilidade para a proxección turística e o impulso ao sector en cada territorio e, neste caso en particular, en Marín".