09 abr 2025

A Xunta enxalza o compromiso das empresas coa calidade a prol da mellora da competitividade e do destino

A Xunta de Galicia vén de recoñecer o esforzo que realizan as empresas do sector turístico para incrementar a competitividade e a calidade do destino. Así, co apoio do Goberno galego, avanzan na mellora dos servizos aos visitantes e na adaptación constante a unhas demandas cada vez máis esixentes e sostibles. Así o recoñeceu a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, que participou no acto de entrega de certificacións do Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED) que tivo lugar no Centro Sociocultural de Baio.

Durante a súa intervención, destacou a aposta que fai o Goberno galego por fomentar a cultura da calidade entre os establecementos turísticos galegos. Así, na actualidade, 319 empresas turísticas galegas contan co certificado Q de calidade turística e 64 co de S de sostibilidade turística.

Referíndose ao SICTED, Carmen Pita salientou “a garantía de calidade que ofrece ao visitante saber que nese destino as empresas contan con este selo”. Esta certificación avala o compromiso das empresas coa mellora constante e tamén favorece a súa competitividade.

Arriba