A Xunta enxalza o bo facer do sector vitivinícola da Ribeira Sacra e a importancia do enoturismo como un dos atractivos do Destino Galicia
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiron aos actos conmemorativos con motivo da XLIII Feira do Viño do concello lucense de Quiroga, na que este ano se dan cita 13 adegas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e que conta cunha longa tradición despois de que nacese nos anos 80 para poñer en valor o viños da zona e o traballo dos viticultores e adegas familiares.
Alemparte enxalzou estas festividades, que contribúen a poñer en valor o eido vitivinícola galego, que se configura como un dos piares da economía galega, e a recoñecer o bo facer dos produtores da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Pola súa banda, Xosé Merelles salientou o enoturismo como un dos principais atractivos do destino Galicia así como o seu potencial desestacionalizador para repartir os visitantes ao longo de todo o ano e tamén o aspecto diversificador do territorio, xa que a Comunidade conta cunha importante cultura vitivinícola repartida en cinco denominacións de orixe, “todas elas con viños de indubidable calidade e singularidade”.