22 abr 2025

Marc Anthony actuará de novo en Galicia o vindeiro 13 de xullo no porto da Coruña da man dos concertos do Xacobeo

A cidade da Coruña acollerá o vindeiro 13 de xullo o concerto de Marc Anthony no marco dos Concertos do Xacobeo. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado pola  delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, nun acto que tivo lugar na Autoridade Portuaria da cidade herculina.

No acto, Xosé Merelles salientou que “este concerto de Marc Anthony programado na Coruña no marco dos Concertos do Xacobeo supón un importante impulso ao turismo urbano”, potenciando os recursos turísticos e situando a cidade como un dos epicentros da música en directo de Galicia.

Merelles salientou que “os Concertos do Xacobeo achegan á Coruña unha oferta musical de primeiro nivel que fai única á localidade, na liña de grandes capitais europeas, reforzando á súa proxección exterior”.

Marc Anthony, o indiscutible rei da salsa, regresa así á Coruña como parte da súa xira mundial ‘En Vivo’, coa que celebra máis de tres décadas de éxitos que marcaron a historia da música latina. Tras actuar nos principais escenarios do mundo e formar parte da programación de grandes capitais internacionais, o artista portorriqueño volve a Galicia para presentar, o domingo 13 de xullo, no Peirao de Batería da cidade herculina, un espectáculo que percorre a súa traxectoria e reafirma a súa posición como unha das figuras máis influentes do panorama musical latino. As entradas sairán á venda este xoves, 24 de abril, contra ás 10.00 horas, a través de www.entradas.com.

Programa amplo e plural

Impulsado por Turismo de Galicia e o Xacobeo, o programa Concertos do Xacobeo regresa un ano máis cun programa amplo e plural, que apoia aos principais eventos musicais de Galicia. Na Coruña, neste 2025, os Concertos do Xacobeo apoian máis dunha quincena de grandes eventos, desde os concertos de Marc Anthony, Lenny Kravitz, Alanis Morissette, Paloma San Basilio ou Coque Malla, entre moitos outros, a festivais de renome como o Morriña, O Wake Up!, o Recorda Fest e os ciclos O Gozo Festival e Maresía, que sitúan á cidade herculina como punta de danza da música en vivo do noroeste peninsular ao longo de todo o ano.

Entre as figuras internacionais, nacionais e galegas que actuaron ou actuarán na Coruña este ano, xa sexa en concertos individuais, ciclos ou festivais de renome, se dan cita nomes como os de Marc Anthony, Franz Ferdinand, Lenny Kravitz, Alanis Morissette e Lionel Richie –todo eles, no marco de O Gozo Festival–, Dani Fernández, Ryan Adams –no marco do ciclo Maresía–, Paloma San Basilio, Chayanne, Coque Malla, Vanesa Martín ou grandes figuras programadas no Morriña Festival, como Nathy Peluso, Ozuna, Peso Pluma e Residente, ademais dos artistas do Recorda Fest (con Álvaro de Luna, Leire Martínez ou Nena Daconte como cabezas de cartes) e o Wake Up! Festival.

Sobre Concertos do Xacobeo

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, que da cobertura a todas as grandes citas e espectáculos musicais en 2025. Entre elas están o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Caudal Fest, o Río Verbena, así ata sumar máis de 55 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en 20 localidades de toda Galicia.

Máis de 500 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O seu programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Arriba