26 abr 2025

O Camiño de Santiago cautiva en Shangai o interese do mercado chinés cunha mostra nos exteriores do Instituto Cervantes

O Camiño de Santiago expande as súas fronteiras e visita a cidade chinesa de Shangai cunha instalación con paneis informativos e materiais lúdicos sobre as rutas xacobeas, que permitiu afondar na súa transcendencia e nos seus atractivos turísticos e espirituais co fin de cautivar o mercado chinés.

A estrutura localizouse no exterior da sede do Instituto Cervantes en Shangai, situada na rúa Anfu no distrito Xuhui, unha das principais arterias comerciais e turísticas da cidade. Deste modo, calquera persoa que transitou por esta vía puido visitar o stand, que contaba con imaxes dos principais fitos do Camiño, así como indicacións, mapas e contidos cos que afondar na historia e no peso actual dos itinerarios xacobeos.

A acción é o resultado da colaboración entre Turismo de Galicia e Turespaña. A cidade acollerá a ITB China Shanghai 2025, que se desenvolverá entre os días 27 e 29 de maio. O evento configúrase como unha das principais citas profesionais do sector de viaxes.

O peso de visitantes de fóra de España no Camiño de Santiago está a experimentar un auxe nos últimos anos. Como exemplo, en 2024, un 58% das 499.241 persoas que recolleron a Compostela eran estranxeiras. A tendencia mantense no que vai de 2025: un 55% de visitantes chegaron de fóra das fronteiras españolas, cun total de 33.403 camiñantes estranxeiros.

Para favorecer a internacionalización da demanda, un dos eixos da Estratexia de Turismo 2030, Turismo de Galicia conta cun plan de promoción para 2025. Están planificadas arredor de 130 iniciativas nuns 30 mercados, entre as que se contan asistencia a feiras, campañas ou eventos promocionais como o desenvolto en Shangai. En total, estímase un investimento anual de 13 M€.

Arriba