26 abr 2025

Rueda destaca o valor educativo e patrimonial do Camiño de Santiago na recepción ao alumnado do CPR Plurilingüe Liceo La Paz

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recibiu na praza da Quintana ao alumnado do CPR Plurilingüe Liceo La Paz, da Coruña, na súa chegada a Santiago de Compostela tras completar a última etapa dun dos itinerarios do Camiño de Santiago.

O titular do Goberno galego expresou a súa satisfacción polo fito do alumnado, eloxiando o seu espírito de superación, aprendizaxe e compromiso co patrimonio galego. Subliñou que a etapa era máis que un reto físico: tamén unha vivencia que fomenta o compañeirismo, a curiosidade, o respecto polo medio ambiente e a identidade cultural.

O presidente puxo en valor a vontade do centro e dos participantes de contribuír a manter viva unha tradición milenaria e, neste senso, fixo fincapé en que o Camiño é unha escola de valores, que ensina a esforzarse, a compartir e a coñecer máis a fondo a identidade compartida polo pobo galego. Tamén quixo salientar a importancia desta ruta de peregrinación que traspasa fronteiras e que “nos coloca en todo o mundo”.

Rueda tamén recoñeceu o labor do profesorado do centro, a súa implicación e dedicación como parte da experiencia. Igualmente, agradeceu o apoio constante das familias nesta e noutras etapas de crecemento persoal.

O xefe do Executivo autonómico salientou a importancia da comunidade educativa como motor de transformación e exemplo de traballo en equipo, e reivindicou a colaboración entre escola, familias e administracións como alicerce dun modelo educativo baseado na calidade, o respecto e a identidade cultural. “Sodes a Galicia do futuro, esa Galicia Calidade que queremos facer entre todos”, finalizou.

Arriba