A España Verde avanza para converterse no destino de referencia do turismo patrimonial e de natureza
“A España Verde está a ser unha marca cada vez máis consolidada na elección dos visitantes que optan por unha proposta turística diferenciada, singular e de calidade”. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, en Santander no descurso da reunión do comité de seguimento deste programa que aglutina a oferta turística de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.
Facendo balance dos datos rexistrados o pasado ano 2024, Xosé Merelles salientou a boa acollida que está a ter a proposta turística da catro Comunidades con produtos específicos, por exemplo, de ecoturismo. Precisamente, nuns días presentarase unha experiencia novidosa relacionada co turismo de natureza que propón visitar os principais lugares de especial interese natural da España Verde.
Durante a súa participación, o director de Turismo de Galicia tamén puxo en valor o Camiño de Santiago, elemento vertebrador das catro Autonomías da España Verde que tamén está a reportar un alto grao de participación. Neste senso, salientou o preto de medio millón de peregrinos rexistrados o pasado ano cun incremento do 12%, dos cales, máis de 21.000 fixeron o Camiño do Norte que pasa pola España Verde.
Xosé Merelles valorou especialmente a pertenza a esta marca turística da España Verde, cuxas particularidades e recursos están a xerar riqueza nas catro Comunidades que o comparten. Así destacou o gasto realizado polos turistas en Galicia que superou os 5,4M€ seguido do de Euskadi, con 3,2M€ e Cantabria e Asturias que superaron o 1,5M€.
Neste sentido, o director de Turismo de Galicia avogou por intensificar a acción da marca na promoción e divulgación do destino con especial incidencia no ámbito internacional. Precisamente, salientou o gasto medio diario realizado o pasado ano polos turistas internacionais que acadou os 165€ en Galicia, só superado polo realizado polo turista internacional en Euskadi con 221€.
O director de Turismo de Galicia adiantou ademais que a España Verde tamén terá un peso importante na divulgación do destino que fará a Xunta este ano a través da súa presenza en feiras, encontros sectoriais e outras citas e eventos turísticos, a través do plan de promoción de Turismo de Galicia 2025 que inclúe máis de 130 accións en 30 mercados e conta cun investimento de 13M€. Xosé Merelles participou en Santander na primeira reunión do comité de seguimento da España Verde desde que Cantabria asumiu a súa coordinación durante Fitur 2025.