11 mai 2025

A Xunta promociona o Destino Galicia este mes de maio nos mercados nacional, chinés, europeo e canadense

Turismo de Galicia está a desenvolver unha intensa programación con distintas e variadas accións de promoción do destino en varios países e con axentes e xornalistas especializados internacionais. Así, dentro do seu plan de promoción turística en feiras do sector durante o mes de maio a oferta turística galega estará en dous importantes eventos, un nacional e outro internacional, concretamente en Euskadi e en China. Ademais, tamén neste mes de maio Turismo de Galicia organiza viaxes de familiarización para axentes alemáns, xornalistas canadenses e austríacos e estará tamén presente na acción Piknik Nad Odra, en Varsovia (Polonia).

A primeira das feiras turísticas, Expovacaciones, estase a celebrar esta fin de semana no Bilbao Exhibiton Centre, situado en Barakaldo, Bizkaia. Este certame profesional, o máis relevante do sector no País Vasco, está tamén aberto ás visitas do público xeral, que constitúe precisamente a gran maioría de asistentes. En total, en 2024 recibiu a 30.104 persoas. A feira, que chega en 2025 á súa 45 edición, agarda un incremento de visitantes ao celebrarse de xeito paralelo o Salón Caravaning Euskadi e á Feira de Vehículos de Ocasión.

Cunha previsión de máis de 200 expositores, Turismo de Galicia participa cun stand de deseño de 100m2, no que amosará os recursos turísticos da comunidade e dos Camiños de Santiago a través da súa natureza, da hospitalidade das xentes e da gastronomía. Estes constitúen, precisamente, algúns dos valores máis apreciados polos viaxeiros vascos, que contan Galicia como un dos seus destinos preferidos. Haberá, ademais, un obradoiro de pezas de papel relacionadas coa natureza galega da artesá Cristina Velasco Mora, inscrita no rexistro de Artesanía de Galicia.

Feira líder en Asia

A finais de mes celébrase unha das feiras de turismo líderes en Asia. A ITB China 2025 desenvolverase do 27 ao 29 de maio no World Expo Exhibition and Convention Center de Shanghai. Como mostra do seu tamaño, cabe destacar que na edición de 2024 xuntáronse máis de 600 expositores de 80 países ou rexións distintas.

Neste evento, exclusivamente profesional, Turismo de Galicia participará cun módulo no stand de Turespaña e a través de contacto directo con visitantes do sector, previa cita a través do propio sistema da organización da feira. Esta ferramenta resultou moi positiva na pasada edición, posto que levou a un primeiro achegamento cos operadores e axentes de viaxes da zona na exploración de novas motivacións para viaxantes, moi conectadas con temas culturais, e favoreceu saír dos itinerarios máis habituais.

O público deste país, o maior emisor de turismo do mundo e un dos mercados de maior crecemento, viaxa cada vez máis de forma independente ou en viaxes programados á súa medida. Ademais, trátase de estancias en moitas ocasións fora de tempada alta e que implican un gasto medio alto por viaxeiro, o que resulta de especial interese en termos de demanda turística.

O destino volverá a Asia en setembro, cunha participación na Exposición Universal de Osaka, organizada polo Bureau International des Expositions. En concreto, a Xunta levará a comunidade galega á Expo de Osaka durante a semana do martes 16 de setembro ata o domingo 21. Durante estes días, unha delegación representante da cultura musical e da gastronomía estará no pavillón de España, con varios concertos no escenario Plaza del Sol e propostas gastronómicas propias de Galicia na cafetería-restaurante das instalacións españolas.

Viaxes de familiarización

En canto ás viaxes de familiarización, tamén esta fin de semana, un grupo de 10 axentes de viaxes alemáns están a coñecer a comunidade galega con visitas programadas a Santiago de Compostela, Rías Baixas e Ribeira Sacra. Tamén ata este domingo, Turismo de Galicia está presente no Piknik Nad Odra, un festival de viaxes e lecer no paseo marítimo de Odra, en Polonia.

Ademais, este sábado cinco xornalistas canadenses remataron unha viaxe de familiarización e do 10 ao 16 de maio, un grupo de influencers visitan Galicia en colaboración coa Oficina Española de Turismo de Canton, en China. Finalmente, do 14 ao 24 de maio, serán tres xornalistas checos os que visitarán este destino grazas tamén ao apoio da Oficina Española de Turismo de Viena.

A participación nestes eventos do sector e as visitas de familiarización alíñanse co Plan de acción de promoción de Turismo de Galicia para 2025, que prevé realizar ao longo do ano máis de 130 accións de promoción turística en ao redor de 30 mercados, cun investimento anual de 13M€. En consonancia cos esforzos pola internacionalización da demanda, o 76% das accións diríxense a mercados de fóra de España.

 

Arriba