15 mai 2025

Rueda enxalza en Bilbao o valor universal do Camiño de Santiago e a cooperación institucional entre Galicia e Euskadi

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá en Bilbao no acto de inauguración dunha nova mouteira do Camiño de Santiago, situada no itinerario do Camiño do Norte. Rueda puxo en valor o simbolismo deste acto como mostra da vontade compartida e visión estratéxica para manter vivo o espírito xacobeo, reforzando a identidade común europea e o compromiso institucional entre territorios.

O presidente salientou que o Camiño é unha das expresións máis vivas e transformadoras do patrimonio cultural europeo, cunha capacidade singular para conectar tradición e modernidade. Subliñou, ademais, que se trata dunha experiencia “cun trasfondo espiritual, de coñecementos e de revitalización económica”.

Este acto tivo lugar no marco de conmemoración do décimo aniversario da declaración do Camiño do Norte como Patrimonio Mundial pola UNESCO. Un fito que, segundo o titular do Goberno galego, invita a reflexionar sobre o camiño percorrido e a traballar con ambición nos retos dos próximos anos, especialmente na preparación do Xacobeo 2027.

Neste senso, o titular do Goberno autonómico sinalou a crecente proxección internacional do Camiño do Norte, que en 2024 rexistrou máis de 20.000 peregrinos, dos cales máis da metade (53%) procedían do estranxeiro. Destacou tamén o traballo conxunto realizado dende Euskadi para mellorar a experiencia dos camiñante, agradecendo a colaboración institucional e o compromiso compartido co desenvolvemento do itinerario xacobeo.

Rueda puxo en valor a afinidade entre Galicia e Euskadi, como pobos con identidade propia e cultura singular, pero tamén con vocación de apertura e cooperación. A instalación do fito foi presentada como un exemplo de coordinación entre Comunidades que apostan polo futuro do Camiño como motor cultural, turístico e económico. Ademais agradeceu que un lugar “tan emblemático” como Bilbao poida ser “o destino desta mouteira que indica os quilómetros, o esforzo, os días e as experiencias que supoñen facer o Camiño de Santiago”.

Do mesmo xeito, reiterou a necesidade de contar co apoio do Goberno central, especialmente en relación ás exencións fiscais para as empresas colaboradoras do Ano Santo 2027. Reivindicou un modelo turístico sustentable e respectuoso co territorio, fronte ás prácticas masificadoras ou discursos contrarios á hospitalidade e ao espírito do Camiño.

Arriba