21 mai 2025

A Xunta comparte en Milán a súa estratexia para unha xestión intelixente dos fluxos turísticos

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiu un ano máis á asemblea xeral anual de NECSTour, a Rede de Rexións Europeas para un turismo sustentable e competitivo, onde puido compartir inquietudes cos representantes das 85 entidades membro que conforman o organismo, pertencentes a 19 países distintos. Alí compartiu, entre outros aspectos, a estratexia galega para unha xestión intelixente dos fluxos turísticos a través de medidas como o Observatorio de Sostibilidade Turística que está a traballar neste obxectivo ou a instalación de sensores nos itinerarios xacobeos para monitorizar a chegada de peregrinos, entre outras cuestións. Este encontro serviu para repasar o traballo realizado desde a última reunión e para abundar nas liñas de traballo para os próximos meses.

Entre as distintas conferencias e mesas que se desenvolveron durante a xornada, destaca o lanzamento do novo hub de NECSTouR centrado na gobernanza nos destinos. Para isto organizouse un debate, a través do que aliñar as axendas e as políticas en turismo rexionais e europeas, así como indagar en que aspectos debe centrar a acción. Entre os puntos centrais, tratouse a posición de NECSTouR no que se refire á Estratexia Europea de Turismo, un proxecto que o comisario Apostolos Tzitzikostas prometeu desenvolver durante o seu mandato.

Ademais, durante esta mesa falouse sobre a gobernanza colaborativa, un traballo conxunto entre entidades públicas e privadas, así como a poboación local; e sobre como realizar unha xestión intelixente dos fluxos de visitantes. Aludiuse tamén a temas financeiros e legais, abundando na fiscalidade turística e nos distintos modelos económicos que pode adquirir, así como na regulación do aloxamento turístico.

Sostibilidade en Europa

O centro de gobernanza de NECSTouR introduciu, ademais, un novo grupo de traballo centrado no marketing consciente, que aliñe os esforzos en temas de publicidade e mercadotecnia cos principios de sustentabilidade da propia Rede.

A asemblea do NECSTouR celebrada en Milán avanza nos plans da Rede, con sede en Bruxelas. Este organismo promove o desenvolvemento de proxectos interrexionais e a cooperación entre entidades do sector turismo en Europa, co obxectivo de lograr a gobernanza do destino desde unha perspectiva sostible e intelixente.

A gobernanza do destino constitúe precisamente unha liña de traballo central para Turismo de Galicia, incluída na Estratexia 2030 como unha das oito misións clave. En concreto, céntrase na implicación do sector turístico e da sociedade civil na xestión do destino, coa cooperación público-privada como principal característica, así como na revisión do marco legal actual.

Arriba