Rueda destaca o papel do Centro Superior de Hostalería de Galicia como dinamizador de innovación e profesionalización do turismo galego
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto de gradación do alumnado do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), onde puxo en valor tanto a traxectoria do centro como o seu compromiso coa formación de excelencia no sector turístico. No marco do 30º aniversario da institución, Rueda resaltou a súa consolidación como referente internacional, cunha comunidade de máis de 3.000 profesionais formados ao longo das tres últimas décadas: “Cremos moitísimo neste centro. É un orgullo e unha pequena fazaña todo o que se conseguiu en apenas trinta anos”, resaltou.
O titular do Goberno galego felicitou aos novos titulados e agradeceu o labor de familias, profesorado, persoal do centro e de todas as persoas que fan posible este proxecto educativo único, destacando o seu compromiso coa calidade e coa preparación de profesionais altamente cualificado: “Somos conscientes do esforzo que fan moitas familias, e do apoio que lles dades na súa vocación profesional. Se chegaron a este punto é, en gran parte, grazas ao voso apoio”, salientou Rueda.
A este respecto, o xefe do Executivo autonómico subliñou os avances impulsados pola Xunta para abrir o centro a máis estudantes, como a flexibilización das matrículas, que permitiu duplicar o número de novos alumnos no grao de Xestión de Empresas Hostaleiras e sumar 20 máis ao novo Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería, que contará co aval da Universidade de Santiago de Compostela a partir do próximo curso. En total, este ano formáronse 244 alumnos, un 37% máis que no curso anterior.
O presidente avanzou tamén novas iniciativas, como a licitación dun novo plan de formación dotado cun investimento de 2,5 millóns de euros, “para implantar a partir de agora”.
Rueda fixo fincapé na elevada taxa de empregabilidade do centro, próxima ao 96%, e na inserción laboral dos seus egresados en postos directivos de grandes cadeas hostaleiras internacionais. Apuntou que esta realidade responde a un modelo formativo práctico, conectado co sector e adaptado ás necesidades reais do mercado. Resaltou, ademais, a gran formación que se dá neste centro para que eses profesionais saian moi ben preparados para traballar no seu sector: “Imos a por todas en turismo. E Galicia, con estes profesionais, ten un excelente futuro", remarcou.
O presidente concluíu a súa intervención animando ao novo alumnado a levar con orgullo a súa formación nun centro de referencia e reivindicou o valor do turismo galego fronte aos discursos que o menosprezan, lembrando que representa riqueza, cultura e futuro para Galicia: “Sempre ides representar a Galicia. Acordádevos destes anos, desta formación, deste centro e deste orgullo que sentimos. Parabéns e sorte polo mundo adiante. Esta Galicia Calidade depende en gran parte do que vos fagades e eu, nese senso, estou moi tranquilo”, concluíu o presidente.