O Noia Harp Fest enriquece a proposta dos concertos do Xacobeo co único evento do noroeste pensinsular dedicado á arpa
A Vila de Noia estará presente un ano máis no mapa de sons dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Así o anunciou en rolda de prensa o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientando que “co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, Galicia volverá ser escenario dun evento singular: o Noia Harp Fest, o único festival dedicado a este instrumento, a arpa, do noroeste peninsular”.
Merelles apuntou, tamén, que “a misión de Turismo de Galicia é darlle cobertura a citas que aportan un valor único e de calidade a nosa escena e que supoñen un atractivo turístico do noso destino”. Neste sentido, apuntou que “o Noia Harp Fest cumpre todas as premisas para ser unha das pezas máis relevantes do noso programa”.
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrará a súa 12ª edición do 30 de xullo ao 2 de agosto de 2025. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística.
Cada edición, o evento reúne numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. Entre os nomes que participarán este 2025, destacan, entre outros Ana Crismán, Juliette Commeaux, Laia Blasco, Noela Cotuna, Rebecca Hill e a banda galega D’Súpeto, liderada polo arpista José Álvarez, que se estreará como formación no festival.
O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante catro xornadas completas, o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.
Grandes figuras internacionais
Unha das figuras máis relevantes da arpa a nivel mundial actuará este verán, de balde, en Galicia. A andaluza Ana Crismán, a máis destacada intérprete de flamenco do instrumento, encabeza o cartel da duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia. O seu concerto será un dos grandes reclamos do evento e das citas musicais do verán galego.
Ademais, unha das figuras máis salientables da escena musical escocesa actuará por primeira vez en España no marco do Noia Harp Fest. Trátase de Rebecca Hill, quen presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella experimenta sobre a tradición con técnicas de composición contemporáneas, xerando temas hipnóticos e con grandes dotes de improvisación nos seus arranxos.
Concertos do Xacobeo, un programa plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Noia Harp Fest e máis de 115 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 50 localidades de toda Galicia. Na provincia da Coruña, Concertos do Xacobeo suma preto de medio centenar de eventos, entre eles, o Noia Harp Fest.
Máis de 700 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único programa, que un ano máis propón 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.