06 xuñ 2025

A Xunta avanza na sinalización internacional do Camiño e na promoción do destino na maior feira turística de América Latina

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, continuou a súa axenda de reunións en Porto Alegre coa reunión coa presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Río Grande do Sul (ACASARGS), Adriana Reis, que estivo acompañada da directiva da entidade. Durante o encontro, Xosé Merelles salientou que a Xunta está a rematar a tramitación dunha nova mouteira do Camiño de Santiago en Brasil, concretamente en Porto Alegre, que se instalará proximamente e que será a segunda do país xunto á situada en Río de Janeiro desde 2019.

Durante a xuntanza, Xosé Merelles eloxiou a implicación do movemento asociativo que se xerou no exterior en relación ao Camiño de Santiago así como a labor de promoción xacobea que fan no ámbito internacional, dando a coñecer esta ruta e tamén incentivando a realizala. Neste sentido, a Xunta colaborará na organización do Congreso Nacional de Asociacións do Camiño de Santiago que lle corresponde organizar á entidade de Porto Alegre en 2026.

Xosé Merelles tamén se reuniu coa directora da maior feira de turismo e América Latina ‘Festuris’, Marta Rossi, con quen analizou a presenza do destino galego na cita anual. Neste sentido, o director de Turismo de Galicia salientou que por 17ª vez consecutiva,   “este ano volveremos a estar presentes do 7 ao 9 de novembro cun stand no que seguiremos poñendo en valor o Camiño de Santiago, moi demandado no mercado brasileiro, pero tamén a oferta global da comunidade, xa que temos detectado un interese crecente ao redor dos nosos recursos turísticos”.

A participación de Turismo de Galicia en Festuris, dirixida exclusivamente ao sector profesional, enmárcase no plan de promoción do destino que desenvolve a Xunta que inclúe máis de 130 accións en máis de 30 mercados nacionais e internacionais, cun investimento global de 13M€.

Finalmente, Xosé Merelles reuniuse coa cónsul de España en Porto Alegre, Laura Corchón, e tamén coa directora do Instituto Cervantes, Raquel Romero.

Mes do Camiño de Santiago en Porto Alegre

A programación do Mes do Camiño na localidade brasileira de Porto Alegre inclúe diversas actividades destinadas a difundir a cultura xacobea. Do 4 ao 27 de xuño, a exposición ‘Iacobus Gaudet. Os Camiños de Santiago en Galicia’ permite coñecer a experiencia da peregrinación a través dos vídeos e fotografías de Manuel Valcárcel. Pódese visitar no Museu de Arte do Paço da localidade, o mesmo edificio que, do 12 ao 18 de xuño acolle unha serie de faladoiros con expertos sobre o Camiño. Ademais, o Ciclo de Cinema Xacobea levará á Cinemateca Capitólio unha selección de obras audiovisuais relacionadas co Camiño.

O Mes do Camiño de Santiago en Porto Alegre está organizado pola Xunta de Galicia coa colaboración coa Prefeitura da localidade, a Oficina Española de Turismo en São Paulo e a ACASARGS.

Arriba