A Xunta presenta as novidades da proposta turística de Galicia en Turexpo 2025 e no mercado polaco
A Axencia de Turismo de Galicia continúa este mes de xuño o seu labor no eido da promoción dando a coñecer ao destino Galicia nos mercados nacional e internacional. Así, tras participar a comezos de mes na feira internacional de carácter relixioso Sacraexpo 2025, que se celebrou en Kielce (Polonia), á que acudiu co Camiño de Santiago, esta fin de semana está a participar no Salón Turístico Turexpo Galicia, que ten lugar no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda.
Turexpo Galicia 2025, a 14ª edición do salón turístico da comunidade, está enmarcada na 47ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, dentro da que se desenvolven tamén outros certames, como FESTUR Feira de Festas de interese Turístico e SALIMAT, Salón da Alimentación do Atlántico.
Turismo de Galicia conta cun stand de 100m2, cun deseño centrado na natureza e paisaxe. O espazo serve para difundir recursos da comunidade, así como produtos turísticos específicos, co obxectivo de favorecer as conexións con outros axentes e promover o turismo interno.
No caso do mercado polaco, a participación neste tipo de feiras contribúe a avanzar na internacionalización do destino, atraendo a persoas doutras rexións a través do Camiño de Santiago. Ao mesmo tempo, promóvese a desestacionalización do fluxo turístico, posto que este tipo de viaxes non obedecen necesariamente á tempada alta. Concretamente, en 2024 os meses con máis peregrinacións foron agosto, setembro e maio.
Como dato, o pasado ano 7.662 persoas procedentes de Polonia recolleron a súa Compostela, o que marca un incremento do 39% respecto a 2023. Supón o 1,54% do total de peregrinacións rexistradas. No que vai deste 2025, máis de 2.000 persoas procedentes deste país chegaron xa a Santiago.
A presenza de Turismo de Galicia en feiras do sector ou eventos internacionais está recollida no plan de promoción para 2025, con arredor de 130 iniciativas previstas nuns 30 mercados. O Plan ten estimado un desembolso neste tipo de accións de 13M€.