08 xuñ 2025

A Xunta abre o prazo o vindeiro mércores das axudas de 500.000 € para as Festas de Interese Turístico

O Diario Oficial de Galicia publicou recentemente a nova convocatoria das axudas para a promoción das festas de interese turístico de Galicia para as que Turismo de Galicia destina un total de 500.000 euros e que suporá un apoio de 4.000 euros para cada festividade beneficiaria. O prazo abrirase o vindeiro mércores 11 de xuño ás 00:00.

Trátase de axudas de concorrencia non competitiva polo que se aceptarán as solicitudes por rigorosa orde de entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Os interesados poden formalizar a súa solicitude a partir do mércores 11 de xuño ás 00.00 horas ata o 11 de xullo ás 23.59 h. Poderán ser beneficiarios os concellos galegos nos que se celebren durante este ano 2025 festas de interese turístico de Galicia, que a día de hoxe superan as 140, e só se poderá conceder unha axuda por concello.

As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 4.000 euros, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os gastos non acaden os 4.000 euros, a contía da axuda será, como máximo, o importe destes.

Con esta convocatoria búscase potenciar as festas co recoñecemento de interese turístico de Galicia e contribuír a parte dos investimentos directamente vinculados a elas. Así, sufráganse, entre outros, gastos vinculados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas… No caso de celebracións de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

Preto dun centenar de festas beneficiarias o ano pasado

Estas axudas reforzan ao traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso das festas de interese turístico de Galicia, que, pola súa singularidade e tradición, se converten en importantes reclamos en distintos momentos do ano e tamén de xeito repartido por toda a Comunidade galega, aliándose así cos obxectivos de desestacionalización e diversificación do modelo turístico impulsado pola Xunta de Galicia na súa Estratexia de Turismo de Galicia 2030. O ano pasado, ao abeiro desta convocatoria beneficiáronse 97 festividades.

Arriba