O Son do Camiño a punto para a súa celebración desde este xoves no marco dos Concertos do Xacobeo
Santiago de Compostela prepárase para o seu gran festival ás portas do verán: O Son do Camiño, unha cita que, co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, reunirá a máis de 100.000 persoas do xoves 12 ao sábado 14 de xuño no Monte do Gozo santiagués.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañado pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou a montaxe do recinto, polo que, ao longo de tres xornadas desfilarán figuras como Duki, Bryan Adams, Franz Ferdinand, Mikel Izal, Kasabian, Bad Gyal, Kase.O, Amaia, Carolina Durante, The Prodigy, Estopa, Amaral, Steve Aoki, Dani Fernández, The Rapants, Galician Army, Filloas ou Capital Voskov, entre moitas outras.
Con máis dun 41% do seu público procedente de fóra de Galicia, segundo salientou o director de Turismo de Galicia, con fans chegados de Reino Unido, Portugal, Suíza e Italia, na súa edición de 2024, o Son do Camiño foi o evento de pago máis grande do norte de España, con preto de 130.000 asistentes e posicionándose como un dos dez festivais de maior afluencia de España e o terceiro con máis engagement co público. “Todo indica que estas boas cifras se repetirán este 2025”, afirmou.
Fiel aos seus obxectivos, en pouco máis dun lustro, O Son do Camiño logrou poñer de novo en órbita a nivel europeo ao Camiño, a Santiago e a Galicia, cun impacto económico e sociocultural indiscutible. A cita xerou máis de 1.000 postos de traballo directos e máis de 4.000 indirectos en 2024, cun impacto económico directo que superou os 23 millóns de euros.
O Son do Camiño, motor turístico e cultura de Galicia
De novo, neste 2025, decenas de miles de fans da música en directo encherán un ano máis O Son do Camiño no mítico recinto do Monte do Gozo os días 12, 13 e 14 de xuño, nunha cita con máis de 40 concertos, da man de bandas e artistas indispensables do panorama musical actual. Así conta cunha programación á altura dos grandes festivais especializados de Europa, onde tampouco faltará un escenario dedicado á mellor música electrónica.
En 2018, O Son do Camiño viu a luz co obxectivo de poñer a Galicia en no mapa do turismo musical nacional, así como promocionar dous dos principais estandartes da cultura galega: o Camiño de Santiago e o Ano Santo. Desde entón, o festival erixiuse como un dos motores turísticos máis importantes non só de Santiago de Compostela, senón de Galicia.
Co respaldo da Xunta de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, O Son do Camiño é, así, un motor turístico que esgota decenas de miles de entradas en cuestión de horas –non en balde, pode presumir de ter o sold out más rápido a nivel nacional¬. “É unha cita feita desde Galicia e para Galicia, que, ano tras ano, oferta una coidada selección de artistas nacionais, internacionais e galegos”, subliñou Xosé Merelles.
Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest.
En total, os eventos Concertos do Xacobeo superan xa os 115 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 50 localidades de toda Galicia. Na provincia da Coruña, Concertos do Xacobeo suma preto de medio centenar de eventos, entre eles, o Son do Camiño.
Máis de 700 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.
Aposta pola igualdade e prevención das violencias machistas e lgbtifóbicas
O Son do Camiño será ademais o arranque do Espazo de igualdade e Punto lila e arco iris da Xunta de Galicia que percorrerá os principais festivais galegos. Unha acción posta en marcha por primeira vez o ano pasado neste festival e que supuxo un antes e un despois na promoción da igualdade e a prevención a violencia de xénero nestes eventos musicais. Trátase, segundo indicou a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, dun espazo de aprendizaxe, dedicado exclusivamente á sensibilización, e un punto lila e arco iris que atende, acompaña e orienta fronte a posibles situacións de violencias machistas e lgbtifóbicas.