Turismo de Galicia leva o concerto de Carlos Núñez ao Santuario das Ermidas da man dos Concertos do Xacobeo
Carlos Núñez presenta nas Ermidas a súa xira ‘Lugares Máxicos 2025’ da man dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. O artista actuará no Adro do Santuario do concello do Bolo o xoves, 17 de xullo, contra ás 20.00 horas, co apoio de Turismo de Galicia. As Ermidas acollerá, así, esta nova xira de Carlos Núñez que se presenta coma un percorrido musical polos espazos singulares da comunidade. As entradas para o concerto están xa á venda a través da plataforma Ataquilla.com.
Carlos Núñez está considerado internacionalmente como un músico extraordinario. O seu carisma, a súa enerxía, o seu espírito pioneiro fixérono moi popular, transcendendo os límites habituais dos seus instrumentos: a gaita e as frautas. Agora, no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, ofrece un novo e singular directo, nun marco patrimonial que arroupará como ningún outro ou seus máxicos sons.
Un dos mellores gaiteiros do mundo
Carlos Núñez (Vigo, Pontevedra, 1971) é un músico español, considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo. Comezou coas frautas e, máis adiante, aos oito anos, coa gaita galega. Aos 13 anos foi descuberto por The Chieftains, no Auditorio de Castrelos, en Vigo, e comezou a súa imparable carreira na música.
Núñez está considerado un erudito da música celta. As súas investigacións seguen basicamente dúas liñas relacionadas entre si: a orixe da música celta e a súa fusión coas músicas do mundo actuais. O seu interese polo tema levoulle a percorrer o mundo e a relacionarse con músicos e artistas dos países que visitou, para logo plasmar os seus coñecementos e experiencias na súa prolífica discografía.
Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Noia Harp Fest e máis de 115 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 50 localidades de toda Galicia.
Na provincia de Ourense, Concertos do Xacobeo suma preto dunha vintena de eventos, entre eles, este novo concerto de Carlos Núñez nas Ermidas.
Máis de 700 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único programa, que un ano máis propón 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.