11 xuñ 2025

Xosé Merelles destaca a identidade e a tradición do Ribadeo Indiano como reclamo turístico do destino

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou a décima edición da celebración Ribadeo Indiano que terá lugar do 11 ao 13 de xullo deste ano. Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou a importancia deste tipo de celebracións que suman atractivo turístico aos destinos nos que teñen lugar, “converténdose ao mesmo tempo, nun valor que esperta por si mesmo o interese e participación de visitantes”.

O director de Turismo de Galicia salientou que este tipo de eventos son unha mostra da identidade e da tradición do territorio, polo que “están chamadas a ser un reclamo turístico único” que contribúen ademais á desestacionalización do destino, con citas durante todo o ano.

Precisamente, Xosé Merelles salientou que en 2024, a demanda turística do xeodestino Mariña Lucense medrou o 3,4% con respecto ao ano anterior.

Referíndose ao Ribadeo Indiano, dixo que se trata dunha das citas do verán da Mariña Lucense e de toda Galicia, ao tratarse cunha celebración con carácter propio e moi identificativa do pasado da comunidade, lembrando a emigración e o retorno de galegos de finais do século XIX e principios do XX.

Arriba