Turismo de Galicia optimiza a atención e o servizo ao peregrino do Camiño de inverno con melloras no albergue da Rúa
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, realizou unha visita ao concello da Rúa, onde asinou coa súa alcaldesa, María González Albert, un convenio de colaboración destinado a realizar actuacións de mellora no albergue de A Rúa. En concreto, Turismo de Galicia financiará as accións dirixidas “a facer máis funcional estas instalacións e optimizar o servizo ao peregrino”.
Este albergue está localizado no Camiño de Inverno e, desde que se puxera en marcha en marzo de 2024, recibiu xa a máis de mil persoas. Esta ruta comeza en Ponferrada e percorre as catro provincias galegas. No que vai de ano, segundo explicou Xosé Merelles, “esta ruta está a medrar a un ritmo do 12% con respecto ao mesmo período do pasado ano, espertando, sobre todo, o interese de peregrinos de orixe internacional que supoñen o 43% do total”.
Segundo o acordo asinado hoxe, o proxecto inclúe entre as melloras que se van realizar, o aumento da potencia eléctrica, a renovación dos sistemas de calefacción e de frío/quente, e a renovación do mobiliario dos dormitorios -camas e liteiras- en busca de estruturas máis duradeiras e de maiores dimensións. O albergue dispón de 13 prazas en dous dormitorios compartidos.
O director de Turismo de Galicia salientou que con esta actuación, “a Xunta busca potenciar o Camiño de Inverno na súa estratexia de descentralización do fenómeno xacobeo promovendo as distintas rutas, ao tempo que se revaloriza o interese turístico dos municipios polos que pasan, converténdose en activos económicos do territorio e logrando atraer máis visitantes”.
Clausura do Vexo Veo Xacobeo
Previamente, o director de Turismo de Galicia visitou o Centro de Educación Infantil e Primaria Manuel Respino, que acolleu a última actividade do calendario 2024-25 do programa Vexo Veo Xacobeo, consistente en xincana e contacontos, na que participaron 194 alumnos. Con esta péchase a tempada, durante a cal o proxecto visitou seis centros en Ourense situados na Vía da Prata e outro no Camiño de Inverno. En concreto, esta última actuación tivo un carácter promocional, de cara a impulsar a participación de outros centros o vindeiro ano.
Vexo Veo Xacobeo naceu como un proxecto piloto de Turismo de Galicia en 2021, dirixido a transmitir o fito xacobeo no eido educativo. Inicialmente dirixido ao 2º ciclo de Educación Infantil e ao 1º ciclo de Primaria, a boa acollida desa primeira edición en 10 centros favoreceu a súa ampliación a outros rangos de idade e a participación de colexios de fóra das rutas oficiais do Camiño de Santiago, sempre que se comprometan a traballar sobre unha ruta recoñecida.
Durante a convocatoria de 2024-25, 30 centros de Galicia participaron no programa, chegando a 1.870 estudantes da comunidade.
Ruta do Viño Valdeorras BTT
Por último, Xosé Merelles participou na presentación da Ruta do Viño Valdeorras BTT. Unha iniciativa que, como destacou o director de Turismo de Galicia, “pon en valor a riqueza vitivinícola da zona e a vincula coa tradición deportista, ofrecendo un produto turístico único e singular”. Este circuíto desenvolverase o próximo 19 outubro co apoio da Xunta de Galicia e contará con dúas versións: unha ruta larga de 43,4 quilómetros e a curta, con 37,5 quilómetros.