O Camiño da Costa bate récords con preto de 36.000 peregrinos e consolídase como a ruta xacobea que máis medra, cun 20% máis no primeiro semestre do ano
A II Etapa Popular Camiño da Costa, que discorreu desta vez entre os municipios de Oia e Baiona, celebrouse cun percorrido polo tramo “máis espectacular” para confirmar que a ruta consolida á cidade de Vigo dentro dos trazados xacobeos. Así o afirmaron a delegada territorial, Ana Ortiz, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que encabezaron a andaina polo senda litoral e destacaron que o Camiño Portugués da Costa xa foi o segundo “máis concorrido” no meses de maio do presente ano, tan só por detrás do Francés.
Preto de 150 persoas partiron a primeira hora da mañá desde o mosteiro de Oia para cubrir os 15 quilómetros que discorren ata o casco urbano de Baiona, entre eles a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña. Os participantes foron trasladados en autobús desde a Delegación Territorial en Vigo ata o punto de saída para completar unha andaina que vai paralela ao mar ata pasar Cabo Silleiro e ascender a Baredo para entrar no Val Miñor polas rúas baionesas.
O director de Turismo de Galicia apuntou que no que vai de ano, este camiño xa foi recorrido por preto de 36.000 peregrinos, o que supón un 20% máis que no mesmo período de 2024. Ademais, salientou o peso dos peregrinos internacionais nesta ruta que supón o 87% procedentes maioritariamente de países coma Alemaña e Estados Unidos. Neste sentido, Xosé Merelles destacou a aposta da Xunta pola mellora da seguridade dos peregrinos cun proxecto no que inviste 40M€ e que inclúe actuacións en 7 quilómetros dos Camiños Portugués e Portugués da Costa.
Pola súa banda, Ana Ortiz destacou a beleza do trazado e destacou os datos que apuntan a un importante aumento na afluencia de peregrinos. “A iniciativa serviunos para descubrir a beleza e fermosura do Camiño da Costa, difundir o seu auxe e animar a todos os camiñantes a que realicen a ruta”, sinalou. Ademais, a delegada territorial incidiu no “rotundo éxito” da convocatoria e reclamou que “aínda está sen sinalizar o percorrido por Vigo pese a que o alcalde comprometeuse a facelo hai un ano na reunión con Alfonso Rueda”.
Ortiz engadiu que “o Camiño da Costa é un dos nosos grandes patrimonios culturais e económicos, porque o Camiño tamén é patrimonio de todos os vigueses, cidade pola que pasaron en 2025 unha media de 300 peregrinos ao día”. A representante autonómica tamén lembrou que os “propios hostaleiros confirman que os peregrinos paran en Vigo varios días para coñecer a cidade e a comarca”.
Percorrido
O percorrido comezou no Mosteiro de Oia para dirixirse ao norte pola estrada vella, cruzar o río Vilar, e facer parada na área recreativa de Pedra Rubia. O tramo continuou pola Ermida, nas Mariñas, onde case se pode tocar a auga do mar, e ascendeu o monte para gozar das vistas panorámicas en dirección a Baredo. A entrada en Baiona foi por San Antón e Santa Liberata, onde está tamén a Colexiata de Baiona. Os peregrinos finalizaron a etapa na Oficina de Turismo, xunto á praia da Ribeira.
Na iniciativa colaboraron a Federación Provincial de Comerciantes, a Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra, Amigos dos Pazos, Biscuits Galicia, Vodea, Coca-Cola e Gadis.