23 xuñ 2025

A demanda hoteleira achégase en Galicia por primeira vez ao millón de noites na serie histórica de maio

A comunidade galega vén de alcanzar un novo máximo histórico nos indicadores turísticos ao rexistrar o pasado mes de maio un total de 920.795 noites nos establecementos hoteleiros de Galicia, situándose por primeira vez na serie por riba das 900.000 noites neste mes. Así o recolle os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE)e que reflicten un incremento do 2,3% en demanda turística e do 4,2% en viaxeiros aloxados nestes establecementos en maio ao contabilizar 567.097 visitantes.

En canto ao mercados, destaca sobre todo o internacional que, rexistrando 382.000 noites, representa o 41% do total da demanda hoteleira, mentres que o 51% restante repártese no 39% procedente doutras comunidades autónomas e o 19% dos residentes en Galicia.

Con esta dinámica, o mercado internacional marca dous meses consecutivos de crecemento da demanda. Neste sentido, destaca especialmente EEUU como o primeiro mercado estranxeiro e o segundo que máis medra (un 16%). Séguelle por orde de importancia, Alemaña, Portugal, Reino Unido e Francia.

No que atinxe ao ámbito territorial, a demanda hoteleira mellora de maneira notable en Lugo, cun crecemento do 14% e en Pontevedra que crece un 4. No caso de A Coruña e Ourense mantense practicamente estable.

Os datos feitos públicos hoxe tamén estiman uns ingresos totais nominais do sector hostaleiro só no mes de maio de 41,2M€, un 3,5% máis que o quinto mes de 2025. No que vai de ano, de xaneiro a maio, o sector constata uns ingresos de 117,6M€, isto é un +2,9% máis que o mesmo período de 2024.

Arriba