A Xunta solicita a convocatoria urxente da conferencia sectorial de turismo ante a inminente entrada en vigor do rexistro único de arrendamentos
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, vén de dirixirse ao ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, para demandar a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Turismo con motivo da incerteza e a inseguridade xurídica xerada ao redor do real decreto que regula o Rexistro Único de Arrendamentos e crea o Portelo Único Dixital de Arrendamentos para a recollida e o intercambio de datos relativos aos servizos de aluguer de aloxamentos de curta duración.
Nunha carta enviada, Xosé Merelles trasládalle a situación de dúbidas, desorganización e falta de concreción de información axustada á realidade autonómica, derivadas das recentes reunións mantidas co Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, que non conseguiron proporcionar información clara e precisa e seguridade xurídica para que as comunidades e os cidadáns poidan aplicar o real decreto.
Neste sentido, o director de Turismo de Galicia fai un chamamento á “necesaria coherencia, coordinación e colaboración entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas en materia de turismo” en base ao teito competencial das distintas administracións.
Así, solicita entre outras necesidades, que o Ministerio de Industria e Turismo lidere a aplicación deste real decreto aclarando todas as dúbidas e medidas a adoptar que afectan directamente ás comunidades autónomas con competencias exclusivas en turismo e ao sector.
Entre as incidencias que se prevén na súa posta en marcha están duplicidades administrativas, inseguridade xurídica e unha intervención estatal innecesaria, cuestionada polo propio Consello de Estados e a Unión Europea.