A paisaxe, gastronomía e a tradición de Galicia, eixos da nova campaña institucional de Turespaña `Slow Travel’
As paisaxes, a gastronomía, a tradición e os recursos naturais e patrimoniais do turismo de interior foron os protagonistas este ano da campaña institucional de carácter internacional de Turespaña que leva por título ‘Slow Travel’ e que foi gravada en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Estremadura e Andalucía. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou en Madrid no lanzamento da estratexia de promoción que deu a coñecer hoxe o Ministerio de Industria e Turismo e que se difundirá nos principais mercados internacionais.
A campaña inclúe un spot máis xenérico sobre o espírito e principios da campaña con imaxes recollidas nas comunidades da España Verde -Galicia, Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi-, xunto con Estremadura e Andalucía. Ademais, conta con outros materiais promocionais centrados nas comunidades que participaron na campaña.
Precisamente, Turismo de Galicia colabora con Turespaña no desenvolvemento do plan de medios da campaña, concretamente dos spots con contido de Galicia e neste sentido, a Xunta instou ao Ministerio a que intensifique a acción promocional especialmente no mercado estadounidense, un dos principais obxectivos da estratexia galega de promoción en 2025 e o que máis medrou en 2024 (+22,1%).
A campaña institucional de Turespaña foi rodada en Galicia nos primeiros meses deste ano recollendo imaxes de varias localizacións da provincia de Ourense, entre elas, A Merca e Xinzo de Limia, onde tiveron ocasión de gravar o tradicional Entroido.
Xosé Merelles salientou o pulo que dará esta campaña á estratexia de internacionalización deseñada pola Xunta recollida no plan de promoción con máis de 130 accións en 30 mercados internacionais e no que o Goberno galego inviste 13M€.
En pleno desenvolvemento desta planificación, o director de Turismo de Galicia salientou que no que vai de ano, cun turismo internacional que superou as 870.000 noites en aloxamentos hoteleiros da comunidade, este mercado representa o 31% da demanda turística, sendo Estados Unidos e Alemaña os principais países de orixe.