Turismo de Galicia garante a continuidade do actual albergue de Silleda por un período de 15 anos
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, vén de garantir a continuidade do actual albergue de peregrinos e Silleda por un período de 15 anos. Así o recolle o convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Silleda que se compromete a ceder os terreos nos que sitúa na actualidade o albergue tamén por este período.
Así o recolle o convenio de colaboración asinado entre a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e o Concello que permite desbloquear a situación derivada de diferencias entre a propietaria dos terreos nos que se sitúa o albergue de peregrinos de Silleda e o goberno local.
Xunta e Concello dan continuidade ao albergue de peregrinos de Bandeira nas mesmas instalacións ata a actualidade pese a que recentemente se produciron certas diferencias entre a propietaria do terreo e o goberno municipal que cuestionaban as condicións do servizo que se presta aos peregrinos no Camiño Mozárabe-Vía da Prata.
En virtude do convenio asinado, o Concello cede o terreo actual do albergue e Turismo de Galicia comprométese a manter abertas ditas instalacións, a asumir os custos funcionais do edificio, a obter os permisos, licencias e autorizacións para a explotación, xestión e mantemento do inmoble e a sufragar as obras de mantemento e equipamento das instalacións.
O acordo recolle tamén que no caso en que se producise algunha incidencia relacionada coa propiedade que impedise o uso do terreo, será por conta do Concello a obtención dun novo terreo cos servizos básicos. Neste caso, será por conta da Xunta, a adecuación do novo terreo e os gastos de traslado e nova instalación.