Galicia convertirase no epicentro do turismo náutico este outono co 6º Simposio de Clubes Náuticos
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou xunto co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, na presentación do 6º Simposio de Clubs Náuticos, que se celebrará co apoio da Xunta o 3 e o 4 de outubro en Sanxenxo. O evento está organizado pola CEACNA (Confederación Española de Asociaciones de Clubes Náuticos) xunto coa Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA).
Previo ao propio simposio, o 2 de outubro terá lugar a inauguración. Durante as dúas xornadas nas que se desenvolverá, representantes de clubs náuticos de toda España poderán reflexionar sobre os desafíos e oportunidades do sector náutico no século XXI. Entre outros temas, falarase sobre a lexislación actual, fiscalidade e sustentabilidade no sector náutico, estratexias para fomentar a participación de xente nova e a náutica social.
“O turismo náutico está gañando referentes en Galicia”, como lembrou o director de Turismo de Galicia destacando que na actualidade a comunidade galega conta con 73 portos náutico deportivos que suman 10.500 prazas de amarre. Referíndose ao fluxo turístico de carácter náutico, salientou que segundo datos de 2024 houbo 6.321 barcos en tránsito que fixeron case 37.000 noites nas instalacións portuarias galegas, o que arroxa unha estadía media de 6 días e uns ingresos de 7,5M€.
Froito desta potencialidade e do atractivo que amosa Galicia para os amantes da náutica, Xosé Merelles citou algún dos grandes eventos que acolleu a comunidade nos últimos anos, como “a saída da volta ao mundo de vela, entón a Volvo Ocean Race, desde Vigo no ano 2005. Ata esa edición, a competición sempre fixera a saída inaugural desde portos británicos”, dixo.
Máis recentemente, a 52 Super Series contou con probas en portos galegos coa súa celebración en dous anos, 2022 e 2025, organizada polo Monte Real Club de Iates de Baiona. A volta ao mundo en solitario, a Global Solo Challenge, tivo tamén como punto de saída e regreso A Coruña na súa primeira edición (2023-2024). Na segunda edición, de 2027-2028, Vigo será o porto escollido para estas funcións.
Importancia estratéxica
“A importancia estratéxica do turismo náutico para o Goberno autonómico maniféstase nas inversións que están a efectuar en infraestruturas dos portos”, desenvolveu Merelles.
Como exemplo, en 2024 destináronse máis de 3M€, provenientes de Fondos Next Generation, para este fin. Esta aposta ten tamén repercusión nunha das liñas estratéxicas da Axencia: a aposta pola desestacionalización do turismo.
Neste sentido, destacou Merelles, “a organización ou apoio a eventos deportivos posiciónase como vía de entrada de turistas á comunidade”. A isto sumou, ademais, o apoio ao turismo MICE ou de congresos, contemplado como unha vía interesante de captación de visitas na Estratexia de Turismo de Galicia 2030.