16 xul 2025

A Xunta concede axudas a 212 establecementos de aloxamento e restaurantes por un total de 4,5M€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a resolución das subvencións concedidas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración. Esta liña, dotada con 4,5M€, recoñece en total 212 axudas. Destas, 144 subvencións están destinadas a establecementos turísticos de aloxamento, con distintas contías que chegan  os 60.000 euros. No caso das empresas de restauración, concedéronse 68 axudas ata un límite de 49.000 euros.

Por provincias, os aloxamentos situados na Coruña beneficiáronse de 45 axudas; os de Lugo de 19; os de Ourense de 5 e os de Pontevedra dun total de 75. Na liña de restaurantes, 25 foron beneficiados na provincia da Coruña, 13 en Lugo, 5 en Ourense e 25 en Pontevedra.

Os datos reflicten o impulso que supuxo o incremento da liña de crédito, que en 2025 sumou 1M€ aos 3,5M€ cos que estaba dotada en 2024. Así, fronte ás 212 axudas aprobadas este ano, na pasada convocatoria concedéranse 145 subvencións, das que 46 foran a restaurantes e 99 a aloxamentos.

A convocatoria céntrase na mellora das infraestruturas turísticas, entendendo que estas teñen un impacto directo na calidade dos servizos e recoñecendo a necesidade de actualizalas periodicamente para responder ás novas exixencias e requisitos do mercado. Con estas achegas quérese incentivar as actuacións para manter unha adecuada rede de restaurantes e aloxamentos, así como avanzar nun turismo de calidade, máis accesible e sostible.

Para isto, subvencionáronse investimentos destinados a adaptarse ás modificacións normativas e mellorar a clasificación do establecemento; realizar obras de mellora que permitisen obter certificacións de calidade, en especial o Q de calidade turística; renovar as instalacións e embelecer a contorna; e dotar con equipamentos mobles necesarios para o seu servizo. Incluíronse tamén aquelas actuacións centradas na mellora das condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, así como aquelas de implementación de medidas de aforro enerxético ou de sistemas de extracción e renovación do aire.

A convocatoria contempla tamén as inversións destinadas á dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento e á adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

Arriba