A Xunta constitúe o Comité que impulsará as actuacións de carácter estratéxico definidas na Lei do litoral
A Xunta constituíu oficialmente o Comité técnico de planificación e actuacións estratéxicas do litoral, sobre o que recaerá a responsabilidade de supervisar as medidas de carácter estratéxico previstas na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) e que deberán integrar criterios tanto paisaxísticos como culturais, turísticos ou ambientais.
Neste sentido, cómpre lembrar que o pasado 3 de xuño a Comisión interdepartamental de coordinación do litoral —órgano responsable de coordinar a elaboración, seguimento e aplicación das ferramentas de ordenación previstas na lei do litoral galega— acordou a creación deste novo comité.
Durante a súa primeira reunión —presidida pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e á que asistiron tamén representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Axencia Turismo de Galicia— abordouse a situación das dúas actuacións estratéxicas que se atopan a día de hoxe máis avanzadas.
Trátase, en concreto, do novo Catálogo de bens de valor cultural no litoral, co que se busca dignificar este patrimonio costeiro, de enorme valor e distintivo de Galicia, e no que se identificarán todos os bens seleccionados, indicando a xustificación da súa incorporación e a concreción dos usos, tanto os orixinais como os futuros que sexan compatibles coa súa localización.
Como punto de partida tomouse un inventario realizado pola Xunta no ano 2019 e no que se recollen 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salazóns, conserveiras...) que están sendo analizados actualmente desde a perspectiva da Loxilga e previo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a súa revisión e posterior actualización.
Neste sentido, durante a reunión concretouse que neste mes de xullo se continúa avanzando no traballo de campo coa realización de visitas sobre o terreo por parte dos técnicos a aquelas zonas costeiras onde están localizados este tipo de bens. Unha vez completadas estas visitas de actualización, a previsión é que os traballos estean rematados no mes de setembro, para poder proceder á aprobación do catálogo vía decreto antes de que remate o ano.
Así mesmo, a Axencia Turismo de Galicia informou tamén aos integrantes do comité técnico sobre a marcha dos traballos para deseñar e definir a futura Rede de sendas do litoral e, máis en concreto, da gran ruta prevista desde Ribadeo ata A Guarda.