21 xul 2025

A segunda edición de Unindo Camiños celebra o vínculo de valores xacobeos e deportivos no fútbol xuvenil

O torneo de fútbol xuvenil Unindo Camiños volverá ao campo de Santa Isabel no mes de agosto coa súa aposta por promocionar o vínculo entre valores xacobeos e deportivos. Presentouse xa a segunda edición da competición, organizada polo Sporting Santiago co apoio de Turismo de Galicia nun acto ao que asistiu o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

No seu segundo ano, esta cita deportiva que conta co apoio da Xunta de Galicia, amplía o seu calendario de partidos a dúas fins de semana fronte á primeira celebración, que se organizou ao longo dunha única fin de semana. Deste modo, a liga masculina celebrarase na fin de semana do 9 e 10 de agosto, mentres que a feminina será os días 16 e 17 do mesmo mes.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, celebrou a continuidade dun evento que “difunde os valores xacobeos e une esta tradición co espírito deportivo propio destas competicións”, ao que sumou o seu impacto positivo no que se refire a promocionar o destino. Neste sentido lembrou que, segundo datos da Enquisa de Turismo de Residentes de 2023, “o turismo deportivo foi o que maior gasto medio diario concentrou, cun desembolso de 125,6€ ao día, fronte aos 112,5€ do turismo gastronómico, o seguinte en valor”.

O torneo Unindo Camiños cruzará a 16 equipos de categoría xuvenil doutras tantas localidades de Galicia, España e Portugal polas que pasan as distintas rutas xacobeas. Estarán, por exemplo, os galegos RC Celta, Deportivo da Coruña ou Rácing de Ferrol; equipos procedentes doutras comunidades de España, como o Atlético de Madrid ou a Unión Deportiva Las Palmas; e formacións portuguesas, como o Vitória de Guimarães, o Sporting Clube de Braga ou o Famalicão.

Xosé Merelles puxo tamén en valor o Camiño de Santiago destacando que no que vai de ano, máis de 270.000 persoas recolleron a súa Compostela, un 8% máis que no mesmo período de 2024. O 60% procedían de fóra de España, o que acentúa os valores de convivencia e multiculturalidade asociados ás rutas xacobeas.

Arriba