23 xul 2025

Os ingresos do sector hoteleiro en Galicia superan os 165 M€ no primeiro semestre de 2025 e medran a un ritmo do 4,3 %

A comunidade galega vén de alcanzar varios fitos históricos nos indicadores turísticos do sector hoteleiro rexistrados o pasado mes de xuño cando por primeira vez superou o millón de noites acadando 1.011.613 noites realizadas polos 573.849 visitantes dese mes. Isto tradúcese nun incremento do 5 % en demanda turística e do 7,5 % en número de visitantes; nos dous casos por riba das medias nacionais, que se sitúan no 2,1 % e no 3,3 %, respectivamente.

Estas boas cifras tamén se trasladan ao bo rendemento económico ao confirmar que no que vai de ano, de xaneiro a xuño, o sector hoteleiro galego obtivo uns ingresos nominais de 165,5 M€, un 4,3 % máis que nos seis primeiros meses de 2024. Só o pasado xuño, o sector ingresou 46,9 M€, un 9,3 % máis que en xuño do pasado ano.

Así o recollen os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que dan conta tamén de que a demanda turística repártese nun 65 % para o mercado nacional – un 45 % para os visitantes españois doutras comunidades e un 20 % para os residentes en Galicia- e nun 35 % para o mercado internacional, que medra, á súa vez, o 10 % con respecto aos valores acadados en xuño de 2024.

Os datos revelan tamén como os visitantes elixiron o norte para visitar, ao situarse Galicia no grupo de comunidades con mellor rendemento turístico, tanto en número de turistas como en noites. Estas foron País Vasco, A Rioxa, Cantabria, Navarra.

Arriba