24 xul 2025

A Xunta enriquece a oferta de turismo urbano da Coruña apoiando as festas de María Pita e o Morriña Festival

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participaron na presentación das Festas de María Pita, onde amosou o apoio da Xunta de  Galicia a aquelas iniciativas que incrementen e potencien a oferta de turismo urbano da Coruña. Precisamente o director de Turismo destacou, nesta liña, que A Coruña “vén de recibir a visita durante os primeiros seis meses do ano de 248.028 turistas, un 12% máis que no mesmo período de 2024, que fixeron 479.520 noites nos establecementos de aloxamento (hoteis e pensións) da cidade herculina, un 14,3% máis que o pasado ano”. “Estes datos reflicten a nivel urbano os bos datos turísticos que rexistraron en xeral en Galicia tanto en 2024 como nestes primeiros seis meses de 2025”, salientou.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles avogou por seguir intensificando os esforzos para deseñar e consolidar “unha oferta turística urbana de calidade e atraínte a quen nos visita”. Neste obxectivo, enmarca o apoio da Xunta ás Festas de María Pita e a outros eventos locais baixo a marca de Concertos do Xacobeo. “Dos 150 eventos que terán lugar este ano en Galicia, 50 están na provincia de A Coruña, e concretamente, 20 deles na cidade herculina”, destacou citando o Morriña Festival, o Gozo Fest, o Festival Noroeste Estrella Galicia, as Noites do Porto e concertos como o de Quevedo no Coliseum, entre outros.

Referíndose ás Festas de María Pita, o director de Turismo de Galicia eloxiou a variada programación que inclúe desde música, exposicións, artesanía, gastronomía, espectáculo circense, a feira do libro e tamén unha proposta deportiva co Trofeo Teresa Herrera, dirixida ao público de todas as idades. Destacou tamén a asistencia de máis de 600.000 persoas durante 2024 e o forte impacto económico na cidade con case 90M€. “A ocupación hoteleira en 2024 foi dun 90% un dato moi significativo á hora de considerar o retorno económico para a cidade”, dixo.

O director de Turismo de Galicia enmarcou o apoio da Xunta ás Festas de María Pita no marco dos Concertos do Xacobeo e lembrou que a cidade tamén acollerá este venres e sábado o Morriña Festival. Precisamente, esta mesma tarde, Xosé Merelles e Belén do Campo visitarán a montaxe desta cita que congregará a artistas e bandas da talla de Nathy Peluso, Ozuna, Beelé, Hhayco, Alleh y Yorghaki, Jhayco, Mikel Izal, Ginebras, Elena Rose, Pignoise, Alcalá Norte e DuncanDhu. En 2024, este festival reuniu a máis de 40.000 persoas. “Seguimos pois, posicionando Galicia como sede de grandes festivais e eventos musicais”, concluíu.

Arriba