O Comité Internacional de Expertos no Camiño reuniuse en Santiago coa vista posta no Xacobeo 2027
O Comité Internacional de Expertos no Camiño reuniuse no Pazo de Amarante, en Santiago. Unha xuntanza na que abordaron diversos asuntos que lles van permitir avanzar na programación relativa ao Xacobeo 2027 e que contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor “o traballo da organización na difusión e promoción do Camiño de Santiago e de toda a cultura xerada arredor das rutas xacobeas”. Destacou, ademais, a importante aportación do Comité na planificación dos futuros eventos que conformarán o programa de actividades de cara ao Xacobeo 2027.
En concreto, a reunión serviu para debater sobre varias propostas de cara ao Ano Santo 2027, como a realización de varias exposicións ou o Congreso Internacional do Comité de Expertos que se prevé que se desenvolva nese ano. Tamén para o 2027, no mes de outubro, propúxose a participación do Comité nunha xornada en Núremberg sobre a peregrinación a Santiago.
Previo a isto, estase xa preparando un Coloquio Internacional do Comité de Expertos do Camiño de Santiago centrado no Camiño Portugués, pensado para novembro de 2026 en Tui. Presentáronse ademais varias propostas desde Brasil, como o Ciclo de Estudos Composteláns e o III Congresso Internacional Sacralidades Medievais: Divulgação Científica e Publicização do Caminho de Santiago no Brasil, a celebrar xa en abril de 2026.
Ademais dos futuros eventos, o encontro serviu para analizar o desenvolvemento da revista Ad Limina, centrada en estudos do Camiño de Santiago e no fenómeno das peregrinacións. En concreto, repasouse a traxectoria nos últimos números editados, avanzouse a temática e proxección de futuras edicións e debateuse sobre os protocolos de avaliación e seguimento.
Na reunión houbo tempo para revisar outros temas relacionados co Comité, como o estado actual da edición das actas do XIII Congreso Internacional de Estudios Xacobeos ou o da colección de libros do Comité.