O Filandón de Músicas do Courel mantén vivo o patrimonio musical do territorio e incrementa o atractivo turístico do interior de Galicia
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recolleu a Tésera da Hospitalidá que se concede no marco do Filandón de Músicas do Caurel, unha festa declarada de interese turístico de Galicia, que celebrou este ano a súa 28 edición.
O director de Turismo de Galicia agradeceu a concesión deste recoñecemento honorífico e destacou “a relevancia de eventos deste tipo, que poñen en valor o patrimonio material, ao celebrarse nun emprazamento histórico, e inmaterial, coa recuperación das músicas da zona”. “Sen dúbida, estamos ante un espectáculo de gran valor e calidade que engade tradición e cultura ao atractivo turístico desta zona”, engadiu.
A Tésera de Hospitalidá foi recibida previamente por autoridades do ámbito cultural, como o músico Amancio Prada e o presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, Xesús Alonso Montero. Alude ás antigas téseras de hospitalidade, acordos ou pactos entre os pobos celtíberos referentes á relación con outros territorios.
O Filandón de Músicas do Caurel nace por iniciativa do musicólogo Xosé Lois Foxo, co obxectivo de manter vivo o patrimonio musical do Courel, e inclúe un completo programa musical e cultural, con actuacións, exposicións sobre instrumentos e as músicas do Caurel e a presentación dunha obra sobre o cancioneiro nas terras do Bolo. Celébrase na explanada da bicentenaria Ferrería de Seoane, una edificación de principios do século XIX que, ademais do seu uso na extracción do metal, foi tamén central eléctrica, serradoiro e muíño.