05 ago 2025

A Xunta e o concello de Viveiro impulsan a dinamización turística local con tres convenios que promoven o turismo cultural, deportivo e de ocio

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, vén de asinar un novo convenio coa alcaldesa do concello de Viveiro, Mariña Gueimunde, para a promoción do turismo neste municipio co obxectivo de seguir apostando polo desenvolvemento económico local impulsando a súa oferta cultural, deportiva e de ocio.

En concreto, o convenio formalizado está centrado na promoción xeral do turismo e a posta en valor da marca Galicia a través do apoio á divulgación turística e cultural do concello de Viveiro. Para isto, “prevé organizar actuacións que permitan atraer visitantes e xerar turismo cultural”, segundo apuntou Xosé Merelles.

Este acordo súmase a distintas colaboracións asinadas recentemente que se están a executar tamén este 2025. Por unha banda, está o acordo para a promoción do turismo deportivo na localidade. Segundo apuntou o director de Turismo, “quere apoiar a organización de probas e eventos deste tipo, aproveitando a situación privilexiada e os recursos do concello para as actividades acuáticas, de aventura e de montaña”. Ademais, Turismo de Galicia colabora na organización da Semana Santa de Viveiro, distinguida como Festa de Interese Turístico Internacional desde 2013.

O director de Turismo de Galicia enmarcou todas estas actuacións no apoio do Goberno galego á promoción turística deste municipio que suman unha achega autonómica de máis de 800.000€ en distintas accións ao longo de todo o ano.

Case 76.000 turistas no primeiro semestre

Segundo apuntou o director de Turismo, con estas liñas de colaboración “queremos continuar na senda do crecemento turístico”. “No primeiro semestre deste ano, 75.869 viaxeiros visitaron a Mariña Lucense -un 4,5% máis que no mesmo período de 2024- que fixeron un total de 141.607 noites, o que mellora as cifras do pasado ano no 9,4%”, destacou.

Arriba