Os Concertos do Xacobeo enchen de música electrónica a Cidade da Cultura co Wake Up! no Gaiás o 30 de agosto
A Cidade da Cultura de Galicia converterase o sábado 30 de agosto nun gran club ao aire libre coa chegada do Wake Up! no Gaiás no marco dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. Será unha maratón de música electrónica que se prolongará desde as 16.00 ata as 06.00 horas da mañá. O DJ brasileiro Mochakk, unha das figuras máis explosivas da escena internacional do xénero, converterase no protagonista e completan o cartel da Wake Up! no Gaiás as artistas Silvie Loto, Francisco Allendes, Cristina Lazic, Caste B2B Selles e MVRK.
Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, nun acto no que puxo de manifesto a aposta de Turismo de Galicia por posicionar a través de iniciativas como esta a cidade de Santiago de Compostela como destino turístico de grandes festivais e concertos a para todos os públicos e de diversos xéneros musicais.
En palabras de Xosé Merelles, esta primeira e pioneira edición do Wake Up! no Gaiás é “un fito turístico destacado ao que é unha honra darlle cobertura desde o selo Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia xa que pode ser un atractivo para o público internacional que visita o noso territorio atraído pola oferta de vangarda deste programa”. Neste sentido, referiuse ao apoio da Xunta de Galicia a numerosos festivais e concertos na cidade da man de Concertos do Xacobeo que están a contribuír a boas cifras turísticas que revelan que no primeiro semestre do ano a cidade medra un 3 % en número de viaxeiros, especialmente estranxeiros, que supoñen o 53 % do total.
Tamén recordou que a Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais cos Concertos do Xacobeo, que na provincia da Coruña suman máis de medio centenar de eventos. En total, este ano están confirmados máis de 150 eventos baixo esta marca que reúnen máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros e que se celebran nos 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.